As melloras de seguranza viaria e accesibilidade chegan ao Castañal

23

    • O concelleiro Luís Bará e Alberto Oubiña visitaron esta mañá os traballos que se executan no barrio, e fan repaso de todas os obras abertas na cidade

Os concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiña, responsables de Obras Urbanas e do barrio Leste da cidade, visitaron esta mañá os traballos de mellora que o Concello está a acometer no ámbito da rúa Loureiro Crespo e no Castañal. Son unhas actuacións que superan os 100.000 euros coas que se mellorará a accesibilidade e a seguranza viaria.

Estase a instalar un paso de peóns elevado na rúa Loureiro Crespo no seu cruce coa rúa Ernesto Caballero, dado que é unha zona de bastantes atropelos e de perigosidade. Neste ámbito tamén se pavimentarán rúas como Ernesto Caballero, Forcarei ou Ramón Cabanillas.

Tamén no Castañal estase a executar unha obra de urbanización polo mal estado dos pavimentos, así como a mellora da accesibilidade e a seguranza viaria na rúa Amor Ruibal, no entorno da praza das Regas, cara Valdecorvos.

Estacionamentos gratuítos do Pavillón

Hoxe mesmo comezaron os traballos de mellora dos estacionamentos gratuítos fronte ao Pavillón Municipal. É un proxecto que se fará por fases, primeiro farase un estacionamento e logo o outro, polo que sempre estará operativo un deles. Aínda que o Concello non pode pavimentar con asfalto a parcela nin facer recollida de pluviais dado que é propiedade de Costas que só autoriza a facer tratamentos brancos na parcela, nesta ocasión empregarase un estabilizante para ver si se amplía a durabilidade desta intervención.

Os traballos terán unha duración de dúas semanas e espérase que estean abertos para as festas de Santiaguiño.

Rúa da Barca

Unha das obras esperadas é a nova pavimentación da rúa da Barca, no centro da cidade. Atópase en mal estado e con afundimentos “incómodos” para os coches, debido á deficiencias na rede de saneamento. Aproveitarase os traballos de pavimentación para mellorar a rede de saneamento, reparando os pozos e correxindo estes problemas. Ese é o motivo polo que a rúa permanecerá pechada ao tráfico durante un mes, e abrirá antes das Festas da Peregrina.

Para garantir a mobilidade nesta zona, cámbiase de sentido a rúa Xofre de Tenorio, e prohíbese o estacionamento en ambolas dúas. Garántese o acceso a garaxes en A Barca.

Ademais, o Concello esta a realizar obras neste momento noutros puntos da cidade como a rú Médico Ballina con obras de accesibilidade e seguranza viaria; Alcalde Hevia, tambén de seguranza viaria; na rúa Lavandeiras, perpendicular ao Gorgullón, onde se está a tratar o espazo verde; ou na rúa Daniel de la Sota, onde se está a retirar o parterre para mellorar a mobilidade peonil na zona que ten unha gran presión de peóns.

“Hai unha efervescencia de obras na cidade, que son moi importantes porque melloran a calidade de vida das persoas que residen nestas rúas”, explicaba Luís Bará.