O Concello prioriza eliminar as trabas de acceso á información e á comunicación de persoas con discapacidade

24

    • Elaborarase un plan de execución até o ano 2018 que atenderá diversos eidos, dende o turismo até os semáforos

O Concello de Pontevedra celebrou esta tarde a reunión da Mesa sobre accesibilidade e comunicación á que asistiron representantes de entidades que traballan no ámbito da discapacidade sensorial e intelectual que forman parte deste proxecto: ONCE, Xuntos, Xoán XXIII, Xoga (persoas xordas) e Por dereito (autismo), xunto aos que estiveron o concelleiro de Mobilidade e accesibilidade, Luís Bará e a concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces.

O obxectivo deste mesa é elaborar un plan de actuación plurianual (2016-2018) con medidas encamiñadas a eliminar as barreiras de acceso á información e á comunicación para persoas que teñen discapacidades sensoriais e cognitivas

Para iso elaborarase un plan de actuación que está previsto que estea Iisto e comece a desenvolverse no último trimestre do ano. Esta previsión sería realista xa que esta non é a primeira reunión que manteñen estes colectivos co Concello. Houbo varias reunións preparatorias para recoller propostas das asociacións, e na reunión de hoxe vaise facer unha posta en común e contraste das propostas que fixeron os colectivos.

Os ámbitos de actuación previstos son:

  1. FORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN:  actividades fomativas e de sensibilizaión dirixidas ao persoal municipal de atención ao público e a colectivos e sectores (comercio, hostelaría, transporte…). Tamén se fará un traballo específico no ámbito escolar.
  2. INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN. Actuacións dirixidas a mellorar a accesibilidade sensorial e cognitiva nas oficinas de atención ao público e na comunicación municipal (publicacións en papel, web, retransmisións audiovisuais). Interpretación, tradución e subtitulados
  3. SINALÉCTICA. Utilización de pictogramas, sistemas de lectura fácil e braille nos edificios municipais e nos espazos públicos
  4. TRANSPORTE PÚBLICO. Mellora da accesibilidade sensorial e cognitiva nos autobuses, taxis, trens (propostas para trasladar a asociacións, empresas ou administracións competentes)
  5. TURISMO. Sinaléctica informativa inclusiva. Edición de materiais (trípticos, guías, planos) tendo en conta os criterios de lectura fácil. Audioguías accesíbeis.
  6. ACTIVIDADE CULTURAL E DE LECER. Emprego de sistemas de comunicación incluisivos nas guías, publicacións e actividades culturais e de lecer.
  7. SEMÁFOROS SONOROS. Continuar coa implantación do sistema de aviso acústico nos semáforos da cidade.