Pintado e sinalización de estacionamentos para discapacitados nos barrios

13
    • Estase a traballar en 57 prazas na contorna da cidade

O Concello de Pontevedra iniciou nestes días o pintado de distintas prazas de estacionamento para conductores con discapacidade nos barrios da cidade. Esta é a segunda fase destes traballos que se están a desenvolver no extrarradio, dado que hai uns dous anos se realizaron os mesmos labores nas prazas de estacionamento destas características do centro urbano.

O obxectivo é reducir as posibles barreiras arquitectónicas que teñen coa creación de ramplas ou rebaixe de beirarrúas no seu acceso, ampliar a súa superficie, así como o novo pintado e sinalización para uniformalas en toda a cidade.

A intención é reformar e sinalizar 57 prazas de estacionamento en Monte Porreiro, A Parda, a praza de Barcelos, Valdecorvos, Xoán Carlos I, Luís Otero, José malvar, Irmáns Sobrino Buhigas, Gremo de Mareantes, Cobián Roffignac, Campo da Torre, Alejandro de la Sota, Andrés Mellado, Álvarez Limeses, entre outras rúas.

Esta actuación iniciouse atendendo a un estudo realizado polo equipo de mobilidade do Concello en colaboración coa Asociación Amizade que estudou todas as prazas destas características na cidade, avaliou a súa accesibilidade, estado e as necesidades en distintos puntos do centro urbano.