Música, circo, teatro, maxia… dende mañá na praza do Teucro. Comeza a programación infantil!

111
    • Tamén a vindeira semana arranca a programación familiar de Cinema na Lúa e o 2 de agosto Animatrón 2016 nas Palmeiras

Chega o momento dos nenos na programación das Festas de verán da cidade. Ábrese mañá mesmo co ciclo de teatro, música, maxia e circo “Cultura no Camiño”, que continuará con Cinema na Lúa, unha programación basicamente para público familiar, e seguirá co xa clásico Animatrón que se celebrará nas Palmeiras a primeiros de agosto.

Un dos obxectivos da programación de Festas de verán do Concello é incluír actividades para todos os públicos, polo que o infantil ten que ter unha gran pegada debido á intensa vida que fan os nenos nas rúas e prazas da cidade durante todo o ano.

A programación comeza con Cultura no camiño que será dende o luns, 18 de xullo até o domingo, 24. Todos os días na Praza do Teucro a partir das 19.30 horas.

Esta semana tamén comezará Cinema na Lúa. Será o mércores, 20 de xullo e rematará o domingo 24. As proxeccións serán todos os días a partir das 23.00 horas na praza da Pedreira.

As películas son:

    • Mércores, 20: Samba
    • Xoves, 21: Bestias del sur salvaja
    • Venres, 22: Free Birds (Vaya pavos)
    • Sábado, 23: Los mundos de Coraline
    • Domingo, 24: Guillaume y los chicos, a la mesa

E antes de que cheguen as festas da Peregrina, a programación infantil volve a ter outro dos seus pratos fortes. Será o Animatrón 2016 que se celebrará no parque das Palmeiras dende o 2 ao 5 de agosto.

A programación do Animatrón prolongarase, todos os días, de 18.00 a 21.00 horas e están previstas actividades de animación, zancudos, pallasos, monociclistas, ludoteca “Constrúe a túa nova cidade”.

Tamén están programadas actuacións do home orquestra, xogos musicais, monicreques e maxia. e obradoiros temáticos distintos cada día: “Ponte-chez”, “Mundo-globo”, “Circo”, “Olimpíadas”.