O Concello inicia a restauración do cruceiro das Sete espadas en Lourizán

26

O departamento de Patrimonio Histórico do Concello iniciará a vindeira semana os traballos de restauración do cruceiro de Sete Espadas, situado nun cruce de camiños entre as rúas Cobas e Rosales, na parroquia de Lourizán. O orzamento desta intervención é de 2.553,10 euros, IVE incluído.

Trátase dun cruceiro sen plataforma, rodeado por un recercado de perpiaños, que se atopa nun regular estado de conservación. Aprécianse danos no capitel que presenta unhas fendas moi grosas e parecen dividilo á metade.

A actuación que realizará a empresa BIC materiais e conservación S.L. é o desmonte da parte superior do cruceiro: cruz e capitel, para ser restaurados no taller. A vara e o dado do cruceiro limparanse in situ, en principio. Logo da limpeza e restauración devolverase o capitel e a cruz ao seu orixinario emprazamento.

O obxecto desta intervención é deter os procesos de alteración e mellorar o estado do cruceiro, evitando que se volvan producir.

Existen factores de alteración antrópicos (perpiaños do cercado movidos do seu sitio e quizais un perno inferior de ferro no capitel); biolóxicos (liques, algas, fungos); e ambientais (humidade e axentes atmosféricos como vento, chuvia ou cambios de temperatura que producen erosión e propician a proliferación da biodeterioración).

Características do cruceiro

No anverso da Cruz aparece representado Cristo crucificado con tres cravos segundo o modelo gótico, o pé esquerdo sobre o dereito, vestido co pano de pureza e a cabeza inclinada á dereita, con corora de espiñas. Ten os ollos abertos e as mans pechadas, e por riba o letreiro INRI. Debaixo dos pés unha serpe coa cabeza en forma de caveira que descende polo lado esquerdo da cruz, e no reverso a Piedade, sentada cos pés apoiados sobre unha ménsula e co seu fillo morto no colo.

O dado está asentado directamente sobre o chan da terra. É cadrado coas arestas achaflanadas, a vara ten, tamén, as arestas viseladas.

Pola súa localización, trátase dun cruceiro de encrucillada. Segundo a ficha do inventario do Patrimonio Etnográfico da Xunta de Galicia, foi colocado alí porque un veciño de Pontevedra asasinado nese lugar.

Saúdos  ;-))