Contratadas as catas arqueolóxicas para construír o campo de fútbol de Salcedo

203

    • Esta parcela de 14.000 metros cadrados permitirá seguir conformando o núcleo de centralidade parroquial onde xa están os colexios, o pavillón, a Casa do Monte, o Centro Social, o parque infantil ou os parques de xogos tradicionais

O Concello de Pontevedra acaba de contratar a prospección arqueolóxica no lugar de Cabanas nos terreos nos que está previsto construír o novo campo de fútbol de herba sintética na parroquia de Salcedo. É unha parcela duns 14.000 metros cadrados (unhas 25 propiedades particulares) que contribuirá a conformar o núcleo de centralidade parroquial onde se atopan os dous colexios, ao pavillón de Cabanas, a Casa do Monte, o Centro Verde (centro social), o parque infantil e os parques de xogos tradicionais habilitados polos comuneiros.

Este gran proxecto complétase coa instalación desta infraestrutura deportiva, unha reclamación da parroquia e incluída dentro do plan de infraestruturas deportivas que o Concello puxo en marcha neste mandato creando instalacións similares noutros puntos do rural e tamén do centro urbano.

Para iniciar os trámites, hai tres semanas o Concello xestionou cos propietarios as autorizacións para facer estas prospeccións arqueolóxicas, previas ao proceso de compra. Con esta actuación preténdese avaliar si estes terreos son os idóneos para instalar o campo.

En abril de 2015, e a petición da Sociedade Cultural Deportiva de Salcedo o arqueólogo agora contratado, xa realizou unha prospección arqueolóxica superficial que tivo por resultado que non se atoparon restos vinculados ao petroglifo do Cruceiro que se atopa na zona ou cos xacementos arqueolóxicos do entorno inmediato. Si se detectaron afloramentos graníticos susceptibles de conter grabados prehistóricos, parcialmente cubertos por musgos e líquenes, soterrados por horizontes de formación de solo e ocultos baixo a vexetación existente.

Con esta nova actuación arqueolóxica preténdese confirmar ou descartar definitivamente a presenza de grabados prehistóricos nos afloramentos graníticos detectados en abril de 2015; e documentar a existencia de restos arqueolóxicos de natureza histórica ou prehistórica relacionados ou non co petroglifo do Monte do Castro, cos xacementos arqueolóxicos situados no entorno inmediato.

Realizarase unha limpeza da cuberta vexetal dos afloramentos, levantamento topográfico, e sondaxes (un máximo de 19 gabias).