O Gran Montecelo xa é unha realidade

104

O convenio do Gran Montecelo enterra o proxecto de hospital privado en Monte Carrasco

“Por fin teremos un área sanitaria de primeira, e para moitos anos”, dixo o alcalde Lores despois de asinar co conselleiro de Sanidade o convenio do Gran Montecelo, que ven xubilar definitivamente a promoción dun hospital privado en Pontevedra. Ao acto asistiu tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que destacou que o Plan Especial de Incidencia Supramunicipal que impulsará a Xunta acelerará o proceso.

Se todo saise como debera, en 2019 debera estar en marcha a ampliación. O presidente da Xunta, despois de facer un repaso pormenorizado do mapa sanitario galego, centrouse no novo hospital de agudos, que terá un protagonismo en todo o sistema que compoñen tamén o centro de especialidades de Mollabao e o Hospital Provincial.

Dábase así no Pazo de Mugartegui o paso definitivo para ampliar o hospital de Montecelo cara ao sur, un proxecto que cumpre as expectativas do Hospital Único e exemplo do que Lores definiu como “cando queremos, podemos”.

Se para todos a sanidade é unha prioridade, Lores engadiu o matiz da sanidade pública como motivo principal “do orgullo que a todos nos cabe por ter un dos mellores sistemas sanitarios do mundo”.

Arredor dos 15 millóns de euros será os que achegará o Concello de Pontevedra ao novo proxecto “Gran Montecelo” que proxecta a cuarta ampliación desta infraestrutura Sanitaria na parroquia de Mourente  -ao carón da actual situación do hospital- nunha parcela duns 46.000 metros cadrados.

Dende as arcas municipais farase unha achega de 4 millóns de euros, que se irán librando á Xunta de Galicia paulatinamente, en función de tres prazos: un millón cando estea redactado o Plan sectorial (será arredor de 2017); 1,5 millóns cando se inicien as expropiacións; e outro 1,5 millóns cando se licite a obra. Estes 4 millóns irán destinados ás expropiacións e á urbanización interior do Hospital, que será executadas, en ambos casos, pola Xunta de Galicia.

Ademais, ao apostar por realizar un plan sectorial para o hospital, a Consellería de Sanidade aforra arredor de 5 millóns de euros en licenzas municipais.

O problema da auga

No convenio, o Concello comprométese a achegar ao centro sanitario todos os servicios necesarios (luz, saneamento, telefonía, abastecemento…). No tocante ao abastecemento de auga, o Concello terá que facer unha canalización específica dende o novo depósito de Castro Senín, o que se prevé que a obra poda alcanzar arredor doutro millón de euros.

Entre os compromisos do Concello está aclarar e resolver toda a problemática da rede viaria a Montecelo. Mellorarase a vía interior do hospital -que permanecerá- e tamén se fará unha vía perimetral ao arredor dos tres centros hospitalarios de Montecelo para dar servizo a todo o complexo sanitario. A esta actuación súmase o primeiro tramo da ronda urbana que está en execución por parte da Deputación en convenio co Concello de Pontevedra e a rotonda de entrada á Cidade Infantil Príncipe Felipe. Ademais, de outras actuacións previas que se realizarán como a parte da ronda norte que une a estrada de Santiago co barrio de Monte Porreiro, para achegarse a Montecelo a través dos Campos.

Exoneración do pago do IBI

Outra das contribucións do Concello ao convenio a á exoneración do pago do IBI a todos os edificios sanitarios da cidade (os centros da saúde da Peregrina, Lérez, Monte Porreiro, A Parda, o centro de especialidades de Mollabao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo, nas súas sucesivas fases). Na actualidade o custe o IBI destas instalacións é de máis de 200.000 euros (nesta cifra non se inclúe a revisión da segunda e terceira fase de Montecelo, xa construídas), polo que sumando o novo edificio a cifra de exoneración anual pode rondar o medio millón de euros.

O alcalde explicou que “non podemos perder máis tempo”.