A reforma da rúa Javier Puig comeza a mediados da semana que vén

54

    • José Millán está moi avanzada e volverase a abrir antes das Festas, aínda que quedan remates para setembro
    • A rúa da Barca tamén se abrirá ao tráfico a vindeira semana
    • O martes Luís Bará mantén explicará aos veciños o calendario da obra de Jaiver Puig e incorporará suxestións de última hora

O Concello abrirá a rúa José Millán antes das festas da Peregrina. Así llo confirmaron hoxe os responsables técnicos da empresa contratista Covsa -adxudicataria da obra- e do Concello ao concelleiro responsábel de Obras Urbanas, Luís Bará que visitou a reforma. Nestas semanas, até a Peregrina, remataranse os espazos de estacionamento, instalarase a iluminación e pavimentarase toda a rúa. Só quedará pendente de rematar unha das beirarrúas, que se executará despois das Festas, ao igual que pequenos remates da obra. Está previsto que a reforma remate a finais de setembro.

O concelleiro tamén aproveitou a súa visita a José Millán para achegarse a Javier Puig e ver cos técnicos municipais por onde comezarán os traballos de reurbanización da rúa. Está previsto que a mediados da vindeira semana comece a traballar a empresa E.C.Casas, adxudicataria da reforma.

Cabe lembrar que a maior parte das empresas da construción paran dúas semanas no mes de agosto, para vacacións do persoal. Por iso, as obras que están en marcha ou que comecen agora quedarán ben acondicionadas para que causen as mínimas molestias aos veciños.

Luís Bará lembrou que estas son obras importantes na parte central da cidade e que se complementan con outras xa feitas como a praza do Hospital ou Branco Porto. Anunciou, tamén, que o vindeiro martes, 2 de agosto, fará unha reunión coa veciñanza da zona para presentar o proxecto de Javier Puig, informar de calendarios de obra e incorporar as suxestións de última hora que os veciños propoñan. A reunión será ás 20.30 horas na praza do Hospital.

Luís Bará tamén anunciou que a vindeira semana abrirase a rúa da Barca, na que se traballa reparando a rede de saneamento e será pavimentada. Tal e como estaba previsto, a obra rematarase antes das Festas da Peregrina.

Rúa José Millán

A empresa Covsa é a que está a executar a reforma da rúa José Millán por 240.000 euros. O proxecto contempla un tratamento de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre os distintos usos, que serán:

    • Carril de tráfico rodado, realizado en aglomerado
    • Beirarrúas, realizadas en lousa de cemento, confinada por bandas de pedra e separada do carril de tráfico por un bordo con diferencia de nivel semellante ao das rúas circundantes.
    • Os tráficos peonís estarán priorizados fronte aos tráficos rodados.

Tamén se está a facer a substitución e instalación de todos os servizos.

Baixaranse as luminarias da rúa, agora instaladas nas fachadas dos edificios, e substituiranse por báculos led na beirarrúa. Até o de agora non era posíbel porque as beirarrúas vellas eran estreitas e non había posibilidade de colocar este mobiliario urbano.

Rúa Javier Puig

A empresa E.C.Casas será a que a partir do mércores comece a executar a reforma da rúa Javier Puig por 334.556,23 euros, e que presentou unha mellora dos cruzamentos coas rúas Benito Corbal e San Antoniño. Especialmente importante é o da rúa Benito Corbal xa que está previsto que Repsol desmonte a gasolinera de Costa Giraldez.

O tratamento previsto en Javier Puig é de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril do tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico e as beirarrúas que se farán en lousa de cemento, confinadas por bandas de pedra e separadas do carril de tráfico por un bordo.

Substituiranse todos os servizos, e farase a separativa da rede de aguas pluviais e fecais. Tamén se instalarán farois leds en toda a rúa, substituíndo as actuais luminarias prendidas das fachadas dos edificios.