O Concello acaba de rematar os traballos de limpeza, roza e acondicionamento da senda do río Lérez até Bora, de tal xeito que se converte nunha ruta circular. Neste momento pódese camiñar polas dúas beiras do Lérez até Bora, agás un pequeno tramo para remontar o río Almofrei que aínda se fai pola estada de Ourense. Neste momento, o Concello baralla a posibilidade de instalar un paso para atravesar o Almofrei e completar toda a ruta pola beira do río.
O tramo de senda acondicionado agora, vai dende a praia dos Fontáns, no lugar de Couso, en Lérez, até o río Almofrei. Acondicionouse o vello camiño de pescadores, e fíxose uso do dereito de paso da estrema do río, polo que se entra nalgunha finca particular que ten pechada a ruta con cancelas. Os camiñantes so teñen que abrir a cancela e volver a pechala, para continuar a súa ruta, seguindo a senda de pescadores.
Os traballos consistiron, sobre todo, na retirada de leña acumulada polas enchentes e as intensas choivas do inverno na ribeira do río, a eliminación de plantas invasoras (acacias) e acondicionamento de muros derrubados. Arranxáronse as fochancas e puxéronse chanzos en puntos que houbo que salvar desniveis de importancia. Tamén se fixo unha roza de toda a senda.
Entre a Ponte dos Franceses e a ponte da estrada de Ourense, é a primeira vez que se actúa, polo que o chan está “alcolchado”, e resulta un tanto incómodo pasar. De todos xeitos, dende o Concello se considera que co uso irá cedendo esta situación, até converterse nun firme normal destas sendas.
Este acondicionamento tivo un custe de 20.982,99 euros.