O Concello propón a veciños do Castañal e Valdecorvos melloras en todo o barrio

88

    • A creación dunha horta urbana en Ernesto Caballero, mellorar a praza das Regas con arborado ou mobiliario urbano son algunhas das propostas
    • Tamén informarán das obras que se veñen facendo en Loureiro Crespo, Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas e Ángel Amor Ruibal

Os concelleiros Luís Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña mantiveron esta tarde-noite, unha reunión cos veciños do Castañal e de Valdecorvos para explicar os traballos que se están a facer no ámbito das rúas Loureiro Crespo, Amor Ruibal, Ernesto Caballero, Forcarei e Ramón Cabanillas, así como para recoller ideas e propostas para mellorar a praza das Regas e todo o barrio de Valdecorvos, especialmente o paseo do río.

Na reunión explicáronse os traballos realizados durante estas semanas no ámbito do Castañal. A pavimentación das rúas Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas e Forcarei, así como a colocación de pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade para mellorar a seguranza viaria e a accesibilidade nestas rúas e tamén en Loureiro Crespo.

Outra das obras importantes que se están a realizar neste ámbito é a mellora da rúa Ángel Amor Ruibal, na que se fixeron traballos de reconstrución de beirarrúas, pasos elevados, novas prazas de estacionamento, entre outras melloras. Traballos de seguranza viaria, accesibilidade e calmado do tráfico no segundo tramo da rúa, dende a praza das Regas até o entronque coa rúa Fragas.

Na reunión tamén recolleron propostas para mellorar o espazo da praza das Regas e o paseo de Valdecorvos. Estudar a posibilidade de ampliar o parque infantil se hai demanda, plantación de novo arborado e colocación de mobiliario urbano son algunhas das propostas que levarán os concelleiros, que se terán que ir concretando e perfilando coas achegas dos veciños. Ao igual que no parque de Valdecorvos, no que se están a facer traballos de sostenemento, pero é preciso un proxecto máis concreto para pór a disposición dos veciños o paseo e as zonas verdes en bo estado.

Tamén lle propuxeron aos veciños a creación dunha horta urbana no solar que o Concello expropiou entre a rúa Ernesto Caballero e a vía do tren. O Concello é partidario de crear unha horta urbana comunitaria.