O proxecto de mellora da rede de sumidorios no río dos Gafos, listo para licitación

25

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de mellora da rede de sumidoiros no río dos Gafos, dende o linde co Concello de Vilaboa até a estación de autobuses, por un valor de 1.126.174,48 euros. O proxecto ten por obxecto incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais de Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanqueidade dos pozos e, na medida en que sexa posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.

O proxecto inclúe dúas posibles melloras:

  • Cambiar a rede de saneamento dende a estación de autobuses até a avenida de Vigo, por un colector de PVC de 500mm, que tería un valor de licitación de 110.230 euros
  • Executar un novo colector entre a avenida de Vigo e a rúa Alcalde Hevia, por valor de 141.486,14 euros.

A execución da obra é de 9 meses.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou que “hoxe é un día de satisfación porque se aborda un proxecto moi demandado por todos os pontevedreses, xa que redundará nunha mellora substancial do río dos Gafos”. Polo que se trata dun acordo “de suma trascendencia”.

Raimundo González tamén lembrou que o proxecto do Gafos atopábase nos compromisos coa Xunta de Galicia de hai dúas lexislaturas, plasmado no segundo convenio de saneamento do Concello de Pontevedra e dotado con algo máis dun millón de euros. No acordo, o Concello encargábase da redación do proxecto e a Xunta da súa licitación e execución.

O proxecto estivo adxudicado, desadxudicouse, fíxose un novo proxecto a petición da Xunta que, finalmente, desistiu -de xeito unilateral- da súa execución. O portavoz do Goberno indicou que “está claro que este é unha obra que lle competía á Xunta de Galicia dado que se trata de facer un saneamento que recolle as augas fecais de Vilaboa, Ponte Caldelas e Pontevedra”.

“Pero debido á actitude hostil da Xunta, o Concello tívose que facer cargo da obra como unha prioridade de Goberno”, indicou o portavoz quen lembrou que se fai en colaboración coa Deputación provincial coa que o Concello vén de asinar un convenio de colaboración. A este respecto quixo puntualizar que existía o compromiso coa Deputación de que no presente ano o Concello recibiría entre 2 e 2,5 millóns de euros para as obras que priorizase Pontevedra. Ao votarse atrás a Xunta no proxecto do Gafos, o Concello tivo que incluílo dentro dos proxectos do Convenio da Deputación detraendo fondos doutros proxectos que poderían ser financiados con eses 2 millóns.