A nova pasarela de Doce de novembro acollerá pistas polideportivas e o skatepark

865

O Concello xa dispón da distribución de espazos da nova cuberta do tren na rúa Doce de novembro que ten unha superficie de 5.000 metros cadrados e que foi recentemente cedida por parte de Adif ao Concello por 75 anos. Con esta urbanización preténdese complementar os equipamentos que xa hai na vella pasarela do tren, que dispón dun xogo infantil; resolver o tránsito peonil e ciclista; e conectar a nova praza coa praza de Santa Teresa de Jesús Jornet, a través dunha rampla.

Os equipamentos que están contemplados instalar son:

  • Unha pista deportiva con porterías de 22×11 metros
  • Unha canastra de baloncesto. O concelleiro de Obras, Luís Bará explicou que existe certa carencia de infraestruturas polideportivas deste tipo nos barrios da cidade. Existe unha boa dotación de parques infantís, pero non existen espazos específicos para a rapazada máis maior, por iso se aposta por este tipo de instalacións deportivas.
  • Bancos e mesas
  • A posibilidade de instalar un quiosco que podería ter servizos a atender polo concesionario.
  • Unha pista de skate, satisfacendo unha demanda histórica deste colectivo urbano. A pista tería unha superficie de 1.000 metros cadrados (50×20 metros) e que terá unha estrutura particular consensuada con colectivo de skates da cidade.
  • Existe un senda peonil e ciclista que atravesa toda a parcela para conectar a nova ponte dos Xulgados con Joaquín Costa, e que servirá para garantir a seguranza viaria nesta zona onde existe certo risco dos peóns.

Esta actuación permite abrir nos baixos dos edificios -nas traseiras de Santa Teresa de Jesús Jornet- locais comerciais.

Luís Bará explicou que o horizonte das obras é o 2018. O vindeiro ano faríase a licitación, adxudicación e urbanización da parcela, e sacaríase paralelamente a licitación do skatepark, xa que se trata dunha instalación moi específica que require de materiais moi concretos.

O concelleiro manifestou que proximamente manterá unha reunión tanto cos veciños da zona como cos futuros usuarios do skate para presentarlles esta proposta, achegar suxestións e, posteriormente, iniciar a redación do proxecto.