Novo contrato de xestión do servizo municipal do Auga no 2017

158

O Goberno Local da o primeiro paso para a renovación do contrato de xestión indirecta do servizo municipal de abastecemento de auga potable, mantemento da rede de saneamento e depuración de augas residuais. A xunta de goberno do Concello de Pontevedra decidiu hoxe denunciar o contrato vixente que remata o 28 de febreiro de 2017 co fin de sacar a licitación a nova concesión, unha denuncia que se ten que formalizar con seis meses de antelación.

O contrato actual foi asinado en febreiro do ano 1997 pola entón Aquagest (Promoción Técnica y Financiera de Abastecimiento de Agua SA, agora Viaqua (Gestión Integral de Augas de Galicia SAU) por un período de 20 anos. Cabe a posibilidade de prórrogas anuais até un máximo de cinco anos mais o Concello no fará uso desta prerrogativa xa que como explicou o concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González, as condicións en base as que se asinou o contrato de concesión do servizo municipal hoxe “son manifestamente diferentes” ás de hai dúas décadas.

O Concello de Pontevedra ampliou de forma moi importante a rede de saneamento municipal e a de abastecemento está a punto de sufrir unha mellora substancial coas obras de ampliación en marcha de Acuaes.

Unha nova licitación -explica o concelleiro Raimundo González- permitirá acadar un mellor aproveitamento dos recursos públicos, na medida de que a competencia polo contrato abre a porta a un mellor prezo (baixada) e a realización de importantes inversións (melloras) para ampliar a rede de sumidoiros e abastecemento municipais, sobre todo no rural. As estimacións baralladas polo Goberno local sitúan en un mínimo de 15 millóns o valor das posíbeis melloras que se podan ofertar.

Por outra banda, engadiu o González Carballo, hai que adaptar o contrato ás novas esixencias contractuais impostas pola normativa legal que obriga a conxugar a eficiencia na xestión pública e a integración de aspectos sociais e medioambientais na contratación.

O Goberno Local agarda chegar ao fin do proceso de licitación e adxudicación do novo contrato en febreiro pero se o proceso alongarase por algún tipo de incidencia prorrogarase o tempo preciso o contrato actual ao prevalecer o interese público.