O Monte do Taco, un novo espazo público para a veciñanza

154
  1. Limpar de árbores invasoras -acacias-, eliminar os valados publicitarios que contornan a zona e impiden visibilizar este espazo e arranxar os muros perimetrais, que invaden o espazo público ou están semi derrubados. Son os traballos de acondicionamento de básico que vai a acometer de xeito inmediato o Concello no monte do Taco co fin de abrir un novo espazo público para goce da veciñanza.

    A parcela Monte do Taco ocupa ao redor de 1.400 metros cadrados ao lado do foz do Gafos e a súa recuperación completará a reforma acometida no barrio nos últimos meses. Os terreos foron adquiridos polo Concello e tiveron un custo de expropiación de 484.153 euros.

    O concelleiro de Parques e Xardíns, Luís Bará e a concelleira da Área Urbana e delegada do barrio, Carmen Fouces, visitaron a zona e avanzaron que estes traballos de acondicionamento estarán feitos no mes de setembro.

    Nunha segunda fase actuarase para mellorar a accesibilidade da zona xa que o terreo ten desniveis importantes e colocarase mobiliario, segundo explicou o concelleiro Luís Bará. Tamén se manterán conversas cos veciños e veciñas da zona para escoitar suxestións. Sobre o taboleiro hai xa unha petición, indicou o concelleiro, o retranqueo do muro.

    A actuación do Monte do Taco é unha máis das levadas a cabo polo Concello de Pontevedra cara a recuperación e apertura de espazos verdes e espazos públicos para a cidadanía. Un proxecto de amplo calado que suma xa preto de 27.000 metros cadrados en distintas zonas da cidade: as parcelas cedidas polo Adif (Médico Ballina, 12 de Novembro e A Seca), a parcela do Burgo e Mollabao.