Todo listo para a posta en marcha dos primeiros composteiros comunitarios de Monte Porreiro

46

Os mestres composteiros asignados a Monte Porreiro, técnicos municipais, o presidente da asociación de veciños do barrio, Carlos Fagilde e a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva mantiveron unha xuntanza co fin de intensificar os traballos para a posta en marcha dos primeiros composteiros.

O barrio de Monte Porreiro conta xa con tres composteiros comunitarios, localizados na praza de Europa, na rúa Italia e na rúa Alemaña. Son 18 módulos (seis en cada un) para realizar os distintos procesos de tratamento do compost. Fixéronse probas co fin de acreditar unha correcta instalación e funcionamento.

Estes primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación que tamén instalará un cuarto composteiro comunitario na parroquia de Campañó con usos especiais (cemiterio, restaurantes, veciños non residentes…), xa que no rural o xeral será o uso de compostoiros individuais.

Pola súa banda o Concello de Pontevedra está a tramitar a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo, onde as veciñanzas pediron pór en marcha o sistema alternativo de recollida de lixo. Con este obxectivo hai consignada unha partida de 130.000 euros.

Está previsto despregar un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porriro e 105 módulos no de Campolongo. O despregue comezará a volta do verán.

O proceso de compostaxe é un proceso biolóxico aeróbico no que se mezclan os restos de comida e vexetais do lixo (que supón máis do 40% do lixo que xera cada domicilio) cun estruturante ou parte seca que provén de podas de materia leñosa.

Os composteiros comunitarios están formados por tres módulos dun metro cúbico que darán servizo a unhas 60 persoas. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes, a materia orgánica pásase ao terceiro módulo. Pasados uns 90 días xa se obtén o compost.