Memoria en rede volve á parroquia de Mourente e esténdese a Lérez

72

Memoria en rede naceu o pasado mes de abril coa idea de conectar dous mundos que, en principio, non teñen nada que ver. Por unha banda o futuro e o presente no que estamos, coas novas tecnoloxías como eixo central e fío condutor e, por outra, a recuperación do que poderíamos chamar, entre comiñas, memoria. Memoria en sentido amplo: historias, lendas, vivencias, vidas…

A primeira experiencia foi na parroquia de Mourente e agora volta con un “proxecto redeseñado e adaptado” anuncia o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña quen explica que redesañouse “porque comprobamos ao poñelo en práctica, que non todo o mundo estaba preparado para poder avanzar tan rápido” e por elo “recuncará” de novo en Mourente para que aquelas persoas que comezaron e avanzaron poidan, se queren, retomar o aprendido. Nesta segunda, que comezará en setembro, Memoria en rede chegará tamén á parroquia de Lérez.

O proxecto transformado terá unha dupla versión, CERDEIRAS e CARBALLOS. As cerdeiras, para aqueles con menos coñecementos (ou incluso ningúns) dispostos a aprender e a tentar participar no proxecto. E Os carballos para persoas con algo máis de coñecemento no mundo da informática que farán un pequeno repaso ao comezo do curso para, inmediatamente despois, comezar co obxectivo inicial do proxecto: recuperar a memoria.

Un dos obxectivos básicos do proxecto, ademais de que as persoas aprendan informática, é que todas as historias que nos conten fiquen á disposición do público xeral na rede para que quen o desexe poida ler e engadir comentarios de experiencias partilladas ou impresións persoais. Por elo os contidos serán pendurados nun blog co enderezo https:// memoriaenrede.pontevedra.gal onde todas e todos poderemos gozar del.

Memoria en rede comezará os días 19 de setembro en Lérez e o 20 de setembro en Mourente.
Os horarios serán os seguintes:
Luns e mércores, en Lérez e Martes e xoves en Mourente

– 16:15 a 18:15, curso básico (as Cerdeiras)
– 18:30 a 20:30, curso intermedio (os Carballos)

A distribución horaria das Cerdeiras será de 40 horas aprendendo e 10h poñendo en práctica o aprendido. E nos Carballos, xustamente á inversa: 10h repasando e 40 recuperando. E a recuperación, pode ser de moitos xeitos, poñendo en valor todo o aprendido: con voz gravada, textos, imaxes escaneadas, vídeos… todo o que desexen

Para inscribirse é preciso chamar en horario de mañá ao teléfono do concello 986 80 43 00 e premer a extensión 7107. Aí, indicarán o nome e apelidos e o teléfono de contacto. Ou ben, acudindo pola alcaldía do Concello. Hai 15 prazas por curso. Canto antes chamen, mellor, porque as prazas esgotaranse rápido seguramente, como na pasada edición.

.