Comezan os traballos previos para dar preferencia peonil á rúa Cruz Gallástegui

51

    • Empezaron o venres e prolongaranse até mediados de setembro, cando está previsto o asfaltado final para elevar a calzada e as zonas de estacionamento na rúa

O Concello arrancou este venres cos traballos previos para dar preferencia peonil á rúa Cruz Gallástegui. Con esta obra, o Goberno Local pretende ampliar o ámbito da coexistencia das mobilidades urbanas máis alá do casco histórico e da súa contorna e xurde, ademais do interese do propio Goberno de estender o modelo urbano, tamén a petición de residentes e comerciantes da rúa, que no ano 2013 trasladaron ao Concello a súa aposta porque a peonalización do primeiro tramo de Benito Corbal se estendera ás rúas Castelao e Cruz Gallástegui, e incorporarse, deste xeito, aos circuítos comerciais centrais da cidade.

Logo de acometer a peonalización de Benito Corbal, o Concello inicia as obras para dar preferencia peonil a Cruz Gallástegui, que continuará nos vindeiros meses, tamén, con Castelao.

Trátase dunha intervención sinxela, cun custe duns 60.000 euros, que consiste en elevar a calzada e os espazos de estacionamento á nivel das beirarrúas, é dicir, construír unha plataforma única semellante a Michelena, o primeiro tramo de Benito Corbal ou todo o centro histórico. Farase unha pavimentación de cor similar á realizada no tramo peonil da praza de Barcelos, entre Blanco Porto e Sagasta.

A pavimentación está prevista para mediados de setembro, e até ese momento faranse traballos de eliminación dos rebaixes das entradas á garaxes precisos para o posterior asfaltado. Nos traballos iniciais, as obras non afectarán ao tráfico na rúa.

O réxime circulatorio da rúa será similar ao que existen noutras zonas parecidas: Michelena ou centro histórico, por exemplo. Acceso a todos os garaxes da rúa e paradas de servizos para todos os condutores que precisen achegarse á rúa Cruz Gallástegui.

Posteriormente á esta actuación estenderase tamén o tratamento á rúa Castelao, e finalmente farase unha reordenación do tráfico de toda a zona, onde tamén está previsto a ampliación de beirarúas en Benito Corbal até a nova praza do Hospital.