Máis de 6.000 mozos e mozas acreditan o éxito de Noites Abertas

5

175 monitores, 43 colectivos participantes, 16 espazos diferentes. Son cifras que falan da complexidade e amplitude de Noites Abertas, o programa de lecer xuvenil que organiza a Concellería de Xuventude no que participaron, na edición do 2016, un total de 6.025 mozos e mozas que atoparon nas súas propostas un xeito alternativo, divertido e saudábel.

Noites Abertas ten na participación a base do seu éxito, subliña o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez. Participación á hora de facer propostas, de organizar as actividades, de interactuar coa organización e de gozar das propostas lúdico-deportivas. Trátase dun proxecto en constante evolución e actualización na que ten un peso capital a avaliación de resultados que se fai ao remate de cada edición.

A posta en marcha dunha Comisión de Igualdade co fin de evitar e corrixir formulacións e condutas sexistas na organización e desenvolvemento das actividades, a incorporación de voluntarios do programa de Voluntariado Europeo Erasmus+ e ampliación do número de actividades ao ar libre foron algúns das novidades da edición 2016 que remata coa redacción da memoria anual que vaise a enviar ao Plan Nacional Sobre Drogas do Ministerio de Sanidad, cofinanciador do programa xunto co Concello de Pontevedra.

A memoria inclúe propostas de mellora cara a próxima edición na que xa se está a traballar e que ten o seu punto de arranque “oficial” coa convocatoria do Foro das Noites Abertas que reúne aos colectivos e persoas interesadas en participar na organización do programa e no que se recollen as propostas para a próxima tempada. A experiencia amosa que as actividades propostas van dende actividades físico-deportivas a culturais, pasando por convocatorias formativas, lúdicas e de desenvolvemento persoal. As actividades principiarán, como é habitual, a última fin de semana de xaneiro.

Entre as suxestións feitas co gallo da avaliación de Noites Abertas están as seguintes: avanzar no traballo de integración de persoas con discapacidade, elaborar un manual de boas prácticas en Igualdade ou incorporar algunhas melloras loxísticas.

Perfil do participante: Máis mozos que mozas, o 54% fronte ao 46. Case 8 de cada dez (78) son estudantes e os máis participan nas actividades de Noites Abertas co fin de entreterse e gozar.

A memoria de Noites Abertas reflicte que as actividades que acadaron máis participantes foron: Fútbol 7 mixto (455 mozos e mozas), VI Xornadas de Manga e Anime (334), Fútbol sala mixto (314), Tenis de mesa libre (294) e Baile latino (199).

Pola contra as actividades con menor predicamente foron: Compoñer unha canción (1 participante), Moda e mitos: moda vampírica e Improvisación coa guitarra: Iniciación (2 en cada caso) e Pintura en miniaturas, Marionetas de goma espuma e Fai o teu propio fanzine (3 en cada unha delas).