O Concello estudará a repercusión económica das festas do verán na economía local

184

“Está claro que foi unha edición de record”, explicou esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva ao facer balance da Feira Franca. Esta exitosa edición debeuse, segundo o seu criterio, a que “é unha festa moi valorada polos pontevedreses e polas persoas que nos visitan, que participan activamente nela”.

Aínda que os datos numéricos da Feira Franca son díficiles de pechar, algún dato contribúe a esta valoración: nas redes municipais de pontevédrate hai vídeos con máis de 50.000 visitas e tamén o trending topic de Twitter acadado durante a primeira xusta na praza de Touros.

A concelleira quixo felicitar a todas as persoas que fan posible todas as actividades do verán no Concello de Pontevedra, e especialmente ás que colaboran na Feira Franca, como por exemplo, todas as asociacións que participan no seu Consello aberto. Tamén fixo estensible a felicitación á Policía Local, especialmente aos seus mandos, por todos os operativos de emerxencia e seguridade que se realizaron durante estes máis de dous meses.

Carme da Silva explicou que durante todo o verán todas as actividades de rúa tiveron unha grande afluencia de público, na que axuduo as condicións meteorolóxicas.

Para tratar de pór datos á afluencia de persoas e a repercusión das festas na economía local, a concelleira de Festas anunciou que o Concello encargará á Universidade de Vigo a realización dun estudo sobre o retorno económico, tanto das festas en xeral como da Feira Franca en particular .