Núcleo de centralidade de Salcedo, un modelo para todas as parroquias

54

Hai proxecto e hai orzamento. Nas próximas semanas comezarán as obras de urbanización e acondicionamento da contorna da Casa Verde (local social) de Salcedo. O concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, reuniu o Consello parroquial co fin de presentarlle á veciñanza a actuación prevista que dará un pulo definitivo ao núcleo de centralidade e que conta coa aprobación dos colectivos sociais da zona.

“Queremos converter esta actuación (núcleo de centralidade) nun modelo para todas as parroquias” sinala o concelleiro Demetrio Gómez.

O proxecto que vai mudar o amplo espazo que vai dunha a outra porta do cemiterio e que abrangue boa parte dos equipamentos da parroquia ten un custe de 397.000 euros e un prazo de execución de 4 meses a contar dende o inicio dos traballos. Sae adiante grazas tamén a cesión de terreos por parte da comunidade de montes.

Demetrio Gómez informou aos representantes veciñais das obras a acometer que, entre outros beneficios, xerarán unha praza diante da Casa do Monte (local da comunidade de montes) e un gran espazo público cun auditorio ao ar libre que ademais poderá ter continuidade co auditorio de dentro da Casa Verde, abrindo as portas.

As actuacións previstas neste espazo comunitario ao redor da Casa Verde que definirá o núcleo de centralidade de Salcedo son as seguintes:

  • Construción dunha beirarrúa dende unha a outra porta do cemiterio
  • Unha plataforma única na nova praza de diante do local da comunidade de montes (Casa do Monte) e contorna
  • Instalación de redutores de velocidade co fin de garantir a seguridade dos peóns
  • Retranqueo do muro que sigue a casa da comunidade de montes
  • Instalación de bolardos no acceso ao cemiterio e acondicionamento dunha zona axardinada ao carón do muro
  • Auditorio ao ar libre
  • Creación dunha área de estacionamento de vehículos entre a Casa do Monte e a porta do cemiterio
  • Novo alumeado, deseñado especialmente para a zona
  • Construción dunha rede de pluviais diante da Casa Verde

O núcleo de centralidade de Salcedo contará con novo alumeado, de mesma calidade do que hai nos parques urbanos. A empresa Setga está a deseñar un modelo de farol especial para este espazo.

O concelleiro do Rural e delegado de Salcedo aproveitou a reunión do Consello parroquial para recoller preguntas e suxestións dos veciños e veciñas. Comparten o mesmo afán: mellorar a parroquia e a calidade de vida das persoas.