De vello mercado a gran centro social de Estribela, primeiros pasos

64

Comezaron os traballos para “independizar” a carnicería que queda no vello e baleiro mercado que ocupa a planta baixa do centro social de Estribela. E o primeiro paso, sinala o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, para acometer a reforma integral do edificio co fin de facer del un gran centro multiusos no que as distintas asociacións veciñais e colectivos socias da parroquia compartan espazos e servizos.

O Concello propuxo e avaliou co Consello parroquial de Lourizán a rehabilitación deste edificio de Estribela -que hoxe acolle un desmantelado mercado na parte baixa e o centro social na alta- e a súa transformación do inmoble para adicalo a centro social na súa totalidade.

En máis dunha ocasión o concelleiro Demetrio Gómez reuniuse cos representantes sociais co fin de definir dun xeito consensuado o catálogo de necesidades e os pasos a seguir para sacar adiante o novo centro comunitario, un proxecto demandado dende hai anos pola veciñanza da zona.

Apuntouse, entre outras suxestións, a necesidade de dispor no novo centro de espazos insonorizados co obxectivo de poder desenvolver actividades musicais e tamén actividades simultáneas sen estorbos. Tamén vese necesario un espazo amplo, diáfano e multifuncional con equipamento audiovisual para a realización de actividades moi concorridas.

Por outra banda dende o consello parroquial de Lourizán insistiuse en que cun único despacho-sala de xuntas chegaba para todos. Nel, iso si, haberá que poñer armarios individuais para que cada asociación e colectivos garde as súas cousas.

Na mente de todos está o modelo da Casa Verde, o centro social de Salcedo.