Ponteverán 2016, notábel alto

25

Campamentos e actividades de tempo libre; obradoiros culturais, deportivos e no medio natural e actividades formativas cun obxectivo común: gozar. Con esta premisa básica organizouse Ponteverán 2016 e xa rematado o programa e trala avaliación dos resultados pode dicirse: obxectivo acadado.

Os nenos e nenas, os mozos e mozas e as familias amosaron nas enquisas de avaliación a súa alta satisfacción polo desenvolvemento das actividades de Ponteverán, o programa lúdico e educativo que deseña e oferta a Concellería de Xuventude para os meses de xullo e agosto. Pola súa banda monitorxs e organizadores valoraron actividade por actividade co fin de pulsar a súa aceptación, corrixir posibles erros e facer suxestións cara o ano que ven.

Ponteverán 2016 ofertou un total de 758 prazas para as distintas propostas estivais, das que ao final gozaron 588 persoas inda que o número de solicitudes feitas superaran no global o número de prazas. Os máis dos participantes foron homes, o 58,5% fronte a un 41,49%.

Novas actividades como obradoiro “Un verán para fedellar: rompe, crea e inventa… pero faino ti”, deseñado por Nova Xestión Cultural para nenos e nenas de 8 a 12 anos tivo unha gran acollida: as solicitudes dobraron e máis o número de prazas.

Tamén tiveron unha ampla acollida ás actividades nas que podían participar as familias como a Xornada de Orientación, organizada en colaboración co Club de Montañeiros ou a Noite Europea dos Morcegos, guiada por Vaipolorío.

As actividades deportivas tiveron de novo un gran seguimento o que non impediu que, un ano máis, o Torneo de Fútbol 7, co organizado polo IMD e CAFYD, só mobilizara a mozos.

Pola súa banda os participantes na Estadía no Xurés, mozos e mozas de máis idade – de 18 a 35 anos- , suxeriron un novo destino para o próximo ano: a Costa da Morte.

Todas as actividades desenvolvidas en Ponteverán están baseadas en valores de igualdade, convivencia, respecto ao ambiente, coñecemento da propia cultura e de promoción da actividade fiśica e o deporte.