Concello, Educación e colexio acordan empregar a praza de Barcelos como patio de recreo

7
    • A dirección do centro presentará a proposta ao Consello escolar e ao Claustro, para obter a autorización do Concello.
    • Será Educación, con esta autorización, a que amplíe o seguro do colexio para incluír a praza

O Concello de Pontevedra, a Consellería de Educación e a dirección do colexio de Barcelos mantieron onte unha reunión para acordar que o parque da praza poderase converter en patio de recreo dos escolares do centro. Á reunión asistiron a concelleira de Educación, Carmen Fouces, o director do centro escolar e o xefe territorial da Consellería de Educación.

Para que sexa unha realidade e se poida pór en marcha neste mes de setembro, a dirección do centro comprometeuse a levar o asunto ao Consello escolar e ao Claustro para elevar unha petición ao Concello para o uso da praza como patio do colexio durante o período escolar. Dende o Concello farase un informe favorable, e con esta autorización a Consellería de Educación comprometeuse a incremetar a póliza de seguros do centro para incluír a praza como espazo de recreo durante o período escolar.

Cabe lembrar que a praza é pública e estará a disposición de todos os veciños de Pontevedra, pero durante as mañás a praza tamén estará a disposición do colexio para que realicen nela todas as actividades educativas que desexen.

Con este acordo, o Concello de Pontevedra logra o seu dobre propósito: facer uso do novo espazo con equipamentos deportivos -un tanto escasos no concello- e o parque infantil para lecer de todos os que queiran empregalo, pero tamén conséguese mellorar as instalacións do centro escolar que, pola súa situación, son un tanto escasas.

Ademais, a reforma da praza de Barcelos é un exemplo de participación porque hai que lembrar que o proxecto naceu realmente dos escolares do centro que realizaron un proxecto de reforma da praza -para a súa integración como espazo de recreo do colexio- e que foi recollido polo Concello para poñelo en marcha, ante o aplauso da comunidade escolar.