Cuarto tratamento das Palmeiras contra o picudo vermello

8

    • Os técnicos do Concello recomendan aos particulares que non poden as palmeiras no verán, xa que o cheiro da sabia da árbore fai un “efecto chamada” para o insecto
    • Tamén se está a dar un tratamento aos laranxos da cidade contra a praga de cuarentena da Trioza erytreae, procedente de África

O departamento de Parques e Xardíns iniciará nos vindeiros días o cuarto tratamento das Palmeiras do parque das Palmeiras contra o picudo vermello, que até o de agora non se viron afectadas por este voraz insecto, detectado no concello de Pontevedra, especialmente, na zona de Lourizán.

Este é o cuarto tratamento que se realiza neste ano e grazas ao que estas árbores singulares da cidade non se viron afectadas. Segundo explican os técnicos do Departamento de Parques e Xardíns, está demostrado que a incidencia do picudo vermello é moito maior cando as podas das palmeiras se realizan no verán. O cheiro da sabia da palmeira resulta como “un efecto chamada” para o insecto que acaba matando a árbore.

Por este motivo, dende o Departamento recoméndase aos particulares que teñan palmeiras que non fagan esas podas no verán, senón que agarden a que baixen as temperaturas e o fagan no inverno.

Por outro lado, tamén dende o departamento de Parques e Xardíns se está a realizar un dobre tratamento dos laranxos (e cítricos en xeral) das rúas da cidade. Hai plantación de laranxos en moitas rúas e prazas: Curros Enríquez, Teucro, Rosalía de Castro, praza do Peirao, Paseo de Cervantes, Peregrina, Virxe do Camiño…

Un dos tratamentos é para reducir o pulgón e a súa melaza que fai que os laranxos se puxeran negros. Polo que con este tratamento, que se leva facendo dende hai uns meses, os laranxos van recuperando pouco a pouco un estado máis saudable; pero tamén se está a facer un tratamento contra a Trioza erytreae, unha especie de mosquilla que afecta unicamente aos cítricos e que procede de África. Este insecto chupador é portador dunha bacteria que de afectar á árbore podería matala.