Parque de Sobral, un novo pulo a Santo André de Xeve

7

Constatar o resultado e avaliar coa veciñanza os traballos feitos. Con este dobre obxectivo desprazouse ao barrio de Sobral, en Santo André de Xeve, o alcalde Miguel Fernández Lores acompañado pola concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña.

Nos últimos meses acometéronse importantes traballos de acondicionamento da contorna do parque de Sobral (limpeza, mellora da pista de petanca, asfaltado das pistas da contorna…), rehabilitación da fonte e do lavadoiro e o asfaltado e arranxo das pistas existentes arredor do parque.

A estas actuacións sumáronse o asfaltado, limpeza e arranxo de cunetas dos accesos ás vivendas do barrio, a recuperación do camiño antigo e o desvío de augas.

Estas actuacións, entre outras, foron comprometidas polo Concello diante do Consello parroquial de Santo André de Xeve o pasado mes de outubro. Supuxeron un investimento de 90.484,34 euros.

A concelleira delegada de Santo André de Xeve, Pilar Comesaña, sinala que estas actuacións dan un pulo importante á zona e melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas. Quedan, lembra, traballos en carteira como, por exemplo, as obras en Santa Cruz ou o desbroce e reasfaltado das pistas e camiños da parroquia.