Comeza a instalación da capa de impermeabilización da nova cuberta do Pavillón Municipal

17

    • As certas xa están pintadas e a nova iluminación de LEDs practicamente rematada coa que se permitirá aforrar o 54% do consumo actual de luz

O Pavillón Municipal xa dispón da primeira capa da que será a súa nova cuberta. Nestes momentos, a empresa adxudicataria está a instalar a segunda capa de impermeabilización para o aillamento térmico do pavillón. As obras desenvólvense a bo ritmo polo que dende a Concellaría de Deportes confíase en que a obra estea rematada a finais de mes ou a primeiros de outubro, para poder retomar a actividade normal do pavillón.

A instalación está sendo executada pola empresa Gómez Crespo Obras e Servizos S.L. por valor de 605.951,06 euros, seguindo os ditados dos planos do arquitecto Alejandro de la Sota, artífice do Pavillón Municipal no ano 1964.

Como melloras do proxecto están o pintado das cerchas da estrutura -un traballo xa realizado e valorado en 65.000 euros- e a renovación da iluminación da pista de xogo valorada en 50.000 euros e que se está a rematar.

Segundo recolle o proxecto de substitución de cuberta: “a solución adoptada consiste, basicamente, na eliminación dos faldóns en forma de dente de serra e estrutura metálica suplementaria que se executara na reforma da década dos anos 80. Posteriormente, sobre a estrutura metálica realizada orixinalmente, colocaríase a estrutura secundaria de apoio e a nova cuberta formada por unha cuberta sándwich realizada in situ cunha placa interior de 12.90 de policarbonato celular (con tratamento soflite), illamento intermedio de la de rocha translúcida e placa exterior de 16.90 de policarbonato celular. Ademais da cuberta, procederíase ao cambio dos canalóns perimetrais e reparación de pezas especias nas baixantes de evacuación de augas pluviais. Co obxecto de facilitar a limpeza e mantemento futuro, pensouse na instalación dunha liña de vida permanente e a colocación dunha escada metálica que permita, en calquera momento, o acceso á cuberta dun xeito seguro”.

A iluminación

Sobre a iluminación, o Pavillón Municipal renovou toda a instalación interior con sistemas de control e 80 luminarias LED interactivas de alta eficiencia deseñadas e fabricadas en Pontevedra. O sistema óptico multi-led con 96 diodos por luminaria permitirá acadar altos niveis de uniformidade lumínica en toda a instalación deportiva; ademais para repartir a luz de cada luminaria nunha ampla superficie de emisión (96 LEDs), elimínase calquera sensación de deslumbramento perturbador para os deportistas e espectadores.

Con esta tecnoloxía redúcese o consumo enerxético nun 54% pasando de 70.000 Kw/hora/ano/ a 32.000 Kw hora/ano.

A iluminación controlarase cunha pantalla táctil de 7” comunicada con cada luminaria a través dun sistema de control DALI. Esta tecnoloxía permite realizar encendidos selectivos de luminarias en cada zona da pista, regulacións do 0% ao 100% en cada luminaria. Este proceso de transformación enerxética converte ao pavillón municipal nunha infraestrutura intelixente adaptada aos estándares deportivos máis esixentes, tanto para a observación en directo como para a retransmisión de grandes eventos.

O coidado deseño das luminarias dotan ao pavillón dun espíritu vangardista, alineado coa contorna.