Pontevedra vende o modelo de cidade “sen coches” en Rouen

44

A área metropolitana de Rouen estuda a súa transformación para converter a cidade central (algo mais de 100.000 habitantes) nun espazo mais atractivo. Nese proceso de estudo convocou o foro “Metropoles en transición” onde se repasan diversas experiencias europeas e van dando pasos cara a unha peonalización máis efectiva que a actual, que é dos anos 70 e abrangue unhas cantas rúas preto arredor da catedral.

“Hai que tomar decisións políticas valentes se se quere avanzar na recuperación do espazo público”, dixo Miguel Fernández Lores ante un auditorio de funcionarios, especialistas e membros de entidades que promoven a humanización das cidades e que aplaudiu a decisión de retirar os coches “porque cando mercas un coche non mercas o dereito a ocupar permamentemente un espazo público, que é de todos, non só dos propietarios dos coches”, subliñou.

Pontevedra foi convidada a este foro para expoñer a súa experiencia en materia de peonalización, como referente europeo de cidade co tráfico a motor controlado, o que decote denominan “Cidade sen coches”.

O xornalista que moderaba a sesión preguntou a Lores se a súa profesión de médico lle axudou a tomar o tipo de decisións tan sans para a xente e para a cidade, que definen o modelo Pontevedra ao que el respondeu que efectivamente, o que antes prescribía desde a consulta, prescríbeo agora desde a alcaldía, co que se consigue un efecto multiplicador en canto á saúde pública.

Tamén lle lembrou a Lores as manifestacións de comerciantes que tiveran lugar ao principio do proceso, e dixo que era normal que houbese reticencias, porque o medo é lóxico cando non se coñece o resultado dun cambio: “plantexámonos rescatar a cidade que caera en mans dos coches, e moitos comerciantes non estaban de acordo, pero despois viron que a cidade funciona mellor sen coches que con eles”.

Pontevedra compartiu mesa con Hassetl, unha cidade belga que tamén está retirando coches do centro e que se ten convertido nun centro de shopping, algo que se propuxeron en 1995, cando comezaron a percibir a decadencia dos seus comercios. Na actualidade, o Concello abona a totalidade do importe do transporte público, resultando gratis para os usuarios que se achegan ao centro da cidade. Así mesmo están experimentando un sistema de reparto dos obxectos que mercan os consumidores, para poñérllelos nos estacionamentos que utilizan para deixar os seus coches.

captura-de-pantalla-2016-09-15-11-55-53