Pontedetapas, na procura do mellor petisco e cóctel do 2016

131

Desde hoxe a ata o vindeiro venres día 30 de setembro estará aberto o prazo para que os establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra podan inscribirse en Pontedetapas 2016, o concurso gastronómico organizado pola Concellaría de Promoción da Cidade co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.

Nesta novena edición Pontedetapas amplía as súas datas de celebración a tres fines de semana completas. Así, terá lugar do xoves 3 ao domingo 20 de novembro. Serán, pois, 18 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional –aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e ao mellor cóctel.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de renome.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados…

A Tapa Pontevedra será a que compita na terceira edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. Precisamente foron os representantes de Pontevedra – Rubén González e Sergio Orbe, de El Cafetín de la Alameda– os gañadores da pasada edición.

O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

A cota de inscrición é de 50 euros por local e o diñeiro recadado destinarase aos premios que se repartirán ao finalizar a edición do concurso.