O Pavillón Municipal, listo para primeiros de outubro

67

Finais de setembro principios de outubro son as datas coas que traballa o Concello para abrir ao público o Pavillón Municipal coa súa nova cuberta. Esta semana visitaron os traballos o alcalde e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañados do director do Instituto Municipal de Deportes, Jaime Agulló, e o técnico municipal Luís Costa, ademais de responsables da empresa construtora para ver o desenvolvemento dos traballos.

Acométese a impermeabilización do canalón central así como do último pinche da cuberta (o máis próximo á avenida de Compostela). Logo quederá pendente unha limpeza xeral e en profundidade e remates da obra, para poder abrirse.

O alcalde comprobou o novo sistema de iluminación do Pavillón que permitirá aforrar o 54% do consumo actual ao ser de última tecnoloxía led, e permitirá iluminar a pista de distinto xeito en función do deporte que se practique. É unha iluminación que non deslumbra. A este aforro hai que sumar que a nova cuberta permite dar máis luz ao pavillón sen ter que encender a iluminación durante as mañás.

A instalación da nova cuberta (que era a reparación máis urxente) permite comezar a recuperar a imaxe orixinal do Pavillón Municipal, que continuará nun futuro cunha reforma xeral, unha vez que se constrúa o novo pavillón da Parda.