Nace a Escola Municipal de Igualdade para a Mocidade

129

 

Vinte serán as persoas que participarán no curso que abrirá mañá 27 de setembro a Escola Municipal de Igualdade para a Mocidade, que promove a Concellaría de Xuventude ao abeiro da programación do Pisando Forte 2016.

Trátase dunha formación encamiñada a sensibilizar a persoas mediadoras no eido da Igualdade e acadar as ferramentas prácticas para incorporar un enfoque integrador, igualitario e respectuoso coa diversidade nas actividades formativas e de ocio coa mocidade. Abordaranse contidos como o sexismo, a discriminación e desigualdade social, a socialización diferencial de xénero (familia, educación, medios de comunicación, linguaxe…), o cuestionamento dos roles de xénero, a coeducación e a detección, prevención e intervención na violencia machista.

Esta formación será impartida pola doutora en Socioloxía e experta en Xénero Iria Vázquez Silva, profesora da Universidade de Vigo con ampla experiencia e formación na materia.

O curso desenvolverase os martes dende o 27 de setembro ao 22 de novembro (agás o 1 de novembro) de 17 a 20 horas no Pazo da Cultura e terá unha duración de 24 horas.

A Escola de Igualdade ten programadas outras accións formativas para este último trimestre de ano:

  • OBRADOIRO RELACIONAL “CONECTA COAS TÚAS FILLAS E FILLOS”. Curso para o intercambio de ferramentas e coñecementos entre pais, nais e titorxs, impartido por unha psicóloga e de 10 horas de duración
  • OBRADOIRO RELACIONAL “LIGUE, SEDUCIÓN E SEXUALIDADE PARA MOZXS” . Dirixido a mozos e mozas a partir dos 15 anos e de 10 horas de duración

Por último, o 19 de novembro celebrarase a 1ª XORNADA “ESCOLA MUNICIPAL DE IGUALDADE PARA A MOCIDADE” que terá lugar no Pazo da Cultura, co fin de intercambiar experiencias sobre Igualdade e Mocidade que se levan a cabo na nosa comarca, e que trataremos de coñecer e visibilizar para facelas extensibles e atopar así un marco de formación e de intercambio de recursos.

As inscricións están abertas e as persoas interesadas en participar nas diferentes accións formativas poden solicitar máis información na Oficina Municipal de Xuventude do Concello, na Casa Azul, rúa Sor Lucía, 2, 3o, despacho 51, tel. 986840367 ou ben a través de www.xuventude.pontevedra.eu ou do mail xuventude@pontevedra.eu