Dezaioto empresas presentaron oferta para a mellora da rede de sumidoiros no río dos Gafos unha vez que onte rematou o prazo para presentar propostas a este concurso de obra pública. Nuns días poderá reunirse a mesa de contratación, para iniciar co estudo dos proxectos.
As empresas que se presentaron a esta licitación son:
- Acciona infraestruturas S.A
- Actividades de construción, edificación y viales SL. (Acevi)
- Canalizaciones y construcciones Salnés S.L.
- Civis Global S.L.U
- Construcciones E.C. Casas S.L.
- Construcciones Obras y viales S.A.
- Copcisa S.A.
- Elsamex S.A.
- Espina Obras Hidráulicas S.A.
- Espina y Delfín S.L.
- Excavaciones y construcciones Laureano Covelo S.A.
- Excavaciones y construcciones Manuel Pérez Portela S.L.
- Narom S.L.
- Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U
- Probisa vías y obras S.L.U
- Soil Tratamiento de aguas residuales S.L. Unipersonal
- UTE Constructora Ediserpo S.L – Ogmios Proyectos S.L.
- Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia S.A.U
Este proxecto ten un orzamento de licitación de 1.126.174,48 euros e ten por obxecto incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais de Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanqueidade dos pozos e, na medida en que sexa posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.
O proxecto inclúe dúas posibles melloras:
- Cambiar a rede de saneamento dende a estación de autobuses até a avenida de Vigo, por un colector de PVC de 500mm, que tería un valor de licitación de 110.230 euros
- Executar un novo colector entre a avenida de Vigo e a rúa Alcalde Hevia, por valor de 141.486,14 euros.
A execución da obra é de 9 meses.
O Concello vai dando pasos na contratación do proxecto que redundará na mellora substancial do río dos Gafos, de aí que sexa moi demandado polos pontevedreses.
Cabe lembrar que o proxecto do Gafos estaba nos compromisos coa Xunta de Galicia de hai dúas lexislaturas, plasmado no segundo convenio de saneamento do Concello de Pontevedra e dotado con algo máis dun millón de euros. No acordo, o Concello encargábase da redación do proxecto e a Xunta da súa licitación e execución.
O proxecto estivo adxudicado, desadxudicouse, fíxose un novo proxecto a petición da Xunta que, finalmente, desistiu -de xeito unilateral- da súa execución. Dende o Goberno Local sempre se defendeu que este proxecto tiña que ser competencia da Xunta de Galicia dado que é un saneamento que recolle as augas fecais de tres concellos: Vilaboa, Ponte Caldelas e Pontevedra.
Aquela decisión unilateral da Xunta de Galicia, obrigou ao Concello a facerse cargo da obra como “unha prioridade do Goberno”, e acordou incluíla nos acordos coa Deputación provincial a través da sinatura dun convenio polo que o Concello cofinanciará ao 50% os saneamentos do Gafos e de Mourente -este último xa adxudicado-.