Veciños de Mourente coñecen o proxecto de mellora do ámbito da capela de Santa Margarida

49

Os concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiño, responsables de Patrimonio Histórico e delegado da parroquia de Mourente, respectivamente manteñen esta tarde, a partir das 19.30 horas unha reunión coa Comunidade de Montes de Mourente e a veciñanza para presentarlles o proxecto municipal para pór en valor o ámbito da capela de Santa Margarida e o seu centenario carballo. A reunión é no propio adro da igrexa para recoller propostas e suxestións que poidan mellorar o proxecto.

A proposta que ten sobre a mesa o Goberno Local ten un custe duns 200.000 euros pretende actuar sobre a contorna da capela para retirar o asfaltado e substituílo por un pavimento diferenciado na estrada lindeira calmando o tráfico, á súa vez, e permitindo o uso deste espazo como praza pública para festas ou actos veciñais.

Tamén inclúe a instalación dunha bancada corrida no muro do adro da capela e -de ser posíbel- movelo para abrir un paso peonil ao carón.

O proxecto tamén contempla a retirada do formigón que arrodea o carballo para deixar un alcorque de terra duns 21 metros de diámetro (equivalente á copa da árbore), empedrado no acceso. Preto do centenario carballo medra un fillo del, prantado no ano 2002.

Era compromiso do Concello manter reunións cos veciños e a comunidade de montes así como con outras entidades implicadas na recuperación do espazo e do seguimento da saúde do carballo como a Deputación  -a estación do Areeiro- e o arcebispado, propietario da capela, cos que xa se tiveron contactos. Tamén será precisa a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.