Covsa será a encargada de executar o novo estacionamento de autocaravanas

66

    • Estará na parcela de Tafisa e terá unha capacidade para 20 vehículos. Tamén se acondicionará un estacionamento disuasorio cunhas 60 prazas.

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a mesa de contratación para valorar as ofertas das empresas para executar o estacionamento de autocaravanas no solar de Tafisa. A proposta da mesa de contratación é a adxudicación á empresa Covsa por valor de 188.440 euros, dunha oferta de licitación de 209.385,39 euros.

Unha vez que a empresa asine o contrato, poderase iniciar a obra cara finais de mes.

A empresa presentou como melloras a instalación de pasos elevados nas entrada e saída ao novo estacionamento que disporá de 20 prazas para aparcar autocaravanas con dúas prazas de servizos con auga potábel e saneamento. A superficie para esta función será de 1.052 metros cadrados.

Ademais acondicionarase unha superficie de 1.870 metros cadrados para estacionamento de balde en superficie, na que se poderán crear arredor de 66 prazas de aparcamento.

O portavoz do Goberno e presidente da Mesa de Contratación, Raimundo González explicou esta mañá que este proxecto era unha prioridade e un compromiso da Concellaría de Promoción Económica, que ten detectado un avance importante neste tipo de turismo na cidade.