Apego ten un feixe de propostas para o outono

149

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova quenda de actividades dentro do programa Apego, que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro. Son actividades dirixidas a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos ou que están en agarda.

As actividades achegaranlles aos adultos recursos como cantos de arrolo, recitados, xogos de dedos, contos rimados… para que despois poidan poñelos en práctica na casa, e así arrequecer a lingua coa que se comunican, xogan e lles aprenden aos máis pequenos. O programa abrangue obradoiros dirixidos ás familias que están agardando un nacemento ou que xa teñen fillos e fillas ata 6 anos.

Todos os recursos ofrecidos no programa Apego e nas actividades buscan axudar a que nenas e nenos aprendan a lingua de maneira natural, á vez que descobren o mundo que os rodea e afianzan a confianza e o apego pola súa familia. O programa Apego quere acompañar as familias na aventura da transmisión da nosa lingua como herdo ás súas fillas e aos seus fillos, busca recuperar o galego como lingua de relación dentro da familia, para que os nenos e as nenas medren na descuberta do mundo desde o galego a través do amor, o arraigo e a identidade. En Pontevedra xa hai 150 familias inscritas dentro do programa.

Actividades:

Prende no Colo, obradoiro con Luís Prego e Samuel Soto

As familias participantes aprenderán cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas cheas de ritmo e melodía a partir de temas tradicionais galegos. Está dirixido a familias con fillos e fillas de 0 a 3 anos e haberá dúas sesións independentes, cada unha de 50 minutos, que se desenvolverán o sábado 22 de outubro, de 12 a 13 horas e o xoves 24 de novembro, de 18 a 19 horas.

– Percorre a cidade e atopa a lingua, ruta urbana con Roberto Rivas
Esta actividade é unha oportunidade para descubrir en familia a lingua que atesoura Pontevedra, con explicacións e xogos polas rúas e prazas. Está dirixida a familias con fillos e fillas de 0 a 6 anos. Será o xoves 27 de outubro, de 17 a 18.30 horas, con saída desde a praza da Peregrina. A actividade adiarase se chove. Nesta ruta urbana poderán participar familias doutros concellos inscritas no programa Apego, co fin de promover a socialización entre as familias que participan no proxecto.

Orella Pendella, obradoiro con Bea Campos e Davide González, de Migallas Teatro

Dúas sesións de narración oral para que as familias con fillos e fillas de 0 a 6 anos aprendan e xoguen cos ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais, con música en directo. As dúas sesións serán independentes, cada unha de 45 minutos, o sábado 5 de novembro, ás 11.30 e ás 12.30 horas.

– Contos para bebés, obradoiro con Pavís Pavós
Obradoiro de contos, cantos e arrolos para familias con bebés de 0 a 3 anos. As nais e os

pais escoitarán e aprenderán pequenas historias apropiadas para as primeiras idades, historias que falan das cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para esta función. As cores, as formas, os sons, o xogo e o ritmo conforman o seu eixo. Haberá unha única sesión de 40 minutos de duración, o xoves 10 de novembro, ás 17 horas.

– Axúdame a expresarme! Obradoiro sobre materiais e actividades Montessori para o desenvolvemento da expresión oral; con Sara Pena, de Rachachán

Neste obradoiro realizarase unha aproximación ao desenvolvemento da linguaxe nos primeiros anos de vida. Desde a perspectiva da teoría Montessori, as persoas participantes coñecerán as diferentes etapas na adquisición da linguaxe polas que pasan as nenas e os nenos; achegaranse a prácticas e actitudes coas que os adultos poden axudar o desenvolvemento da linguaxe e practicarán algunhas actividades Montessori que facilitan o desenvolvemento da linguaxe durante a crianza. Desenvolverase nunha única sesión o xoves 17 de novembro, de 18.30 a 19.30 horas.

Os obradoiros e a charla realizaranse na Casa da Luz; a ruta guiada sairá da praza da Peregrina. Todas as actividades son de balde para as familias e precisan inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello normalizacionlinguistica@pontevedra.eu

programacion-apego-outono-2016