Coñécesme? As faces do pequeno comercio da zona monumental

234

Grandes retratos das persoas que traballan no pequeno comercio da zona monumental penduran dende esta fin de semana ao redor de prazas como a da Ferrería ou Curros Enríquez, Leña ou Verdura e en rúas como Manuel Quiroga, Real, Pasantería, Sarmiento, Ponte, Palma, Marqués de Aranda, Don Gonzalo, César Boente, Serra, San Román, Laranxo, Praza Méndez Núñez e Travesía Charin. Alí estarán até xaneiro do 2017 nun xogo de comunicación, diálogo, reflexión sobre as actuais relacións persoais e de iinteración social.

Humanizar as relacións comerciais, pór en valor conceptos como confianza, cercanía, trato directo; apostar polo pequeno comercio, polo poder transformador das imaxes, a cidade, a iconosfera e o uso do espazo público, traballar o uso da imaxe como ferramenta de comunicación e transformación social…. son ideas que están no punto de partida para desenvolver o proxecto de intervención urbana Coñécesme? e sobre as que puxo a énfase a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, ao presentar a campaña- intervención artística.

Estamos diante dunha proposta fotográfica ideada e deseñada por About Art e Estrellas e Limones e realizada polo fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal. Unha iniciativa promovida pola Concellería de Promoción da Cidade ao abeiro da marca Pontevedra Capital Shopping e que conta coa colaboración de Zona Monumental.

Os retratos de gran tamaño -150×90 cm- teñen carácter individual e amosan algún elemento relacionado coa acvidade de cada comercio. Son un total de 104 faces que amosan a diversidade do casco histórico, que conxugan modernidade e innovación con tradición.

A ubicación dos retratos está feita dunha maneira aleatoria, nunca están dispostos ao lado do comercio sinalado, enfatizando así a idea cultural do proxecto e non publicitaria, enfocando as enerxías na creación de unha comunidade, unha mentalidade colectiva que axude a reconstruir unha rede de traballo e relacións coa cidadanía centrada na idea de humanidade e fraternidade, fronte ao exceso de relacións impersoais e virtuais, favorecendo as humanas.

cartaz-tendas-enves