Praza de Barcelos, novo patio de recreo dos escolares do CEIP

148

O Concello de Pontevedra e a Consellería de Educación formalizarán mañá -a través da sinatura dun protocolo de mutación demanial- a cesión da praza de Barcelos en horario lectivo ao colexio de Barcelos co fin de que poda ser utilizada como patio de recreo ou para a realización de outras actividades educativas, segundo anunciou a concelleira de Educación, Carmen Fouces.

Será Carmen Fouces a que asine mañá o protocolo de cesión co xefe territorial de Educación, César Ares.

A Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou hoxe a cesión polo que, unha vez asinada, os nenos e nenas do CEIP Barcelos poderán ocupar -sempre en horario lectivo-  os espazos cedidos: o tramo de diante do centro, o parque infantil e a vía lateral do muro de Santa Clara onde están as novas canchas deportivas, áreas todas elas peonalizadas.

A concelleira de Educación subliña que a utilización da praza como patio de recreo non interfire no uso público da mesma xa que no horario lectivo os demais nenos e nenas, potenciais usuarios do parque e área deportiva, tamén están nos seus respectivos colexios. O resto da praza non está afectada.

Carmen Fouces apunta que, rematada a tramitación para a cesión da praza como patio de recreo, haberá que dar un novo paso: a permeabilización do parque infantil e o espazo deportivo. “Pídeo a berros”, mantén a concelleira de Educación quen lembra que a separación física da área infantil xa non ten sentido cando a vía do lado e é agora un espazo peonalizado e adicado á actividade deportiva e o lecer.