Futuro centro social de Estribela: a veciñanza opina

31

A veciñanza -a través do consello parroquial e por boca do concelleiro Demetrio Gómez- coñeceu a proposta municipal para converter o vello mercado de Estríbela nun renovado e ampliado centro social de Lourizán.

Na xuntanza os representantes veciñais fixeron unhas últimas achegas: ver a posibilidade de cambiar de ubicación o despacho proxectado para uso das distintas entidades, a posibilidade de contar cunha tarima desmontable na planta baixa e retirar as columnas que aló hai e que o edificio sexa enerxéticamente eficiente.Tamén fixeron achegas como a eliminación das actuais fiestras pequenas, a petición de mobiliario no recibidor ou a instalación dun espello para as actividades de baile.

O concelleiro coordinador do Rural e delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez subliñou que estamos diante dun “proxecto moi participativo” polo que tomou nota das últimas suxestións co fin de presentar o proxecto definitivo antes do remate do outono.

O consello parroquial incluíu no seu día a conversión do edificio do vello mercado, que na parte superior ten un obsoleto centro veciñal, no plan de actuación da parroquia e mesmo no pasado mes de maio elaborou un plan de necesidades que está reflectido na proposta presentada.

O renovado edificio manterá na planta baixa o único negocio que hai no mercado e deixará 497 metros cadrados para uso da veciñanza. A proposta municipal mellora substancialmente ás peticións iniciais do propio consello parroquial que nun primeiro momento (antes de elaborar o plan de necesidades) pedía só unha mellora estética, a instalación de calefacción e a mellora da sonoridade do inmoble.

A proposta que está enriba de mesa é a dun centro multiusos no que as distintas asociacións veciñais e colectivos socias da parroquia compartirán espazos e servizos.

Disporá dun espazo insonorizado para desenvolver actividades musicais sen interferir e dun gran espazo amplo, diáfano e multifuncional con equipamento audiovisual para a realización de actividades moi concorridas.

Tamén hai reservado un espazo para un despacho comunitario, para uso de todas as entidades con unha zona de almacén e armarios individuais.

estribela-planta-baja

estribela-planta-bajaestribela-planta-1o

estribela-planta-baja-techos

estribela-planta-1o-techos