O gran parque infantil de Campolongo, prioridade do Goberno deste mandato

346

    • Tamén está previsto ampliar Barcelos, crear o parque de Médico Ballina, e mellorar o da Praza de Europa
    • En breve iniciaranse traballos de mellora no estanque dos parrulos das Palmeiras
    • Ademais estánse a facer traballos de mantemento e reposición en todas as áreas infantís da cidade

O Concello de Pontevedra elaborou a principios do mandato un Plan sobre a situación dos parques infantís da cidade que fixa as prioridades de intervención así como as melloras que se poderán adoptar de cara ao futuro, ao longo deste mandato. O concelleiro responsábel de Parques, Luís Bará informou esta mañá que a Concellaría elaborou un plan de intervención a curto, medio e longo prazo para intervenir en distintas áreas da cidade, entre as que se atopan Barcelos, na praza de Europa, en Médico Ballina, Campolongo e as Palmeiras.

O parque infantil de Barcelos foi visitado esta mañá polos técnicos municipais para ver as melloras que hai que introducir. É coñecido que é preciso ampliar a área de xogo e instalar novos elementos especialmente para rapaces con discapacidade; hai que mellorar o areeiro; eliminar o peche vexetal da zona peonalizada; e mellorar os pavimentos das zonas lindantes coas vías peonalizadas.

Na praza de Europa, do barrio de Monte Porreiro, o concelleiro explicou que existen problemas de mantemento -sobre todo por problemas de vandalismo- pero no que resta de ano renovaranse os xogos, tamén se estuda a ampliación do parque. O vindeiro luns, ás 18.00 horas, manterá un encontro coas nais e pais -e os cativos- que están preocupados polo deterioro desta instalación.

Médico Ballina -na cuberta sobre a vía do tren- está previsto crear un espazo polivalente xa que o Concello non é partidario de segregar os nenos por idades. Por este motivo, se instalará un parque infantil, así como unha zona de estar e tamén pistas polideportivas.

O barrio de Campolongo está, segundo Luís Bará, infradotado en equipamentos de parques infantís, polo que o Goberno está traballando en instalar un parque grande e novo, de última xeneración para este barrio. “Un parque que sexa o buque insignia dos parques da cidade”, concluíu Luís Bará, quen recoñeceu que o parque da seta é un espazo pequeno e pensado para nenos moi cativos, polo que os nenos máis grandes empregan os elementos de ximnasia de adultos do parque, que se retirarán porque non son os máis acaídos para eles.

Aínda que estaría por definir a situación deste novo parque, os técnicos municipais decántanse por que ocupe o espazo dos elementos de adultos xa que está arborada e tería sombra e, incluso, poder habilitar outra área no ámbito da fonte para rapaces máis maiores.

Este é un proxecto do mandato, polo que o proxecto poderá elaborarse e licitarse no ano que vén, e iniciar a obra en 2018.

Sobre o parque das Palmeiras, o concelleiro explicou que se estiveron a facer traballos de mellora de todos os bancos e arranxos de pavimentos. Agora está previsto iniciar a mellora do estanque dos parrulos (pintado, limpeza xeral…) así como un adecentamento da contorna. Neste punto, Luís Bará explicou que se atopa en moi mal estado a beirarrúa da Alameda próxima á delegación militar debido á presenza das raices das árbores. Está previsto retirar os restos dos lastros da beirarrúa no tramo que está en mal estado e facela na zona de estacionamento.