Déixaos vir sós. Pontevedra acompaña aos seus nenos e nenas

157

A cidade é un espazo amábel para os nenos e nenas e os seus cidadáns velan por eles. Mais os pequenos teñen que ser autónomos, responsábeis e coñecedores da súa contorna e con este obxectivo o proxecto de camiños escolares -itinerarios vixiados e controlados por monitores ou voluntarios- da un paso adiante e entra nun proceso de actualización e ampliación que quere implicar no só a comunidade educativa se non a sociedade en xeral.

A concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, subliña a necesidade de avanzar no proceso de autonomía e madurez das nenas e nenos e por elo comezará, nos camiños escolares xa consolidados, a retirada paulatina dos monitores dos cruzamentos dos itinerarios peoniles ao colexios, algúns deles incluso con semáforo e todos con medidas de calmado de tráfico e sinalizados. Inda así cando se considere que pode haber unha certa perigosidade o cruzamento seguirá vixiado pola Policía Local ou por voluntarios.

A supresión dos monitores farase dun xeito gradual até o final de ano e sempre despois de avaliar coas nais e pais dos escolares os itinerarios e sempre deixando claro que aí onde haxa puntos potencialmente conflitivos haberá control. A próxima semana (luns e mércores) están convocadas xuntanzas nos distintos colexios con camiños escolares co fin de explicar o salto adiante que se quere dar.

O paso adiante que supón a eliminación de monitores darase en aqueles centros con camiños escolares consolidados e manterase como estratexia nas novas rutas como o caso de Monte Porreiro -implantadas hai só un ano e un tráfico e ordenación do barrio moi distinta ao centro urbano- ou as que se van a por en marcha para os colexios da Xunqueira e en centros educativos do rural como por exemplo en Salcedo ou en Lourizán.

Na actualidade o 80% dos escolares de sete centros educativos da cidade vai andando a clase e o 25% faino só.

Para avanzar na autonomía persoal dos máis pequenos e tamén na súa socialización, dende o Concello estase a traballar na elaboración dunha unidade didáctica sobre o uso eo coñecemento da cidade e no deseño dun programa de actividades fóra das aulas na rúa. “Queremos que os nenos e as nenas salgan sós, que queden con amigos, que fagan os recados dos maiores, que se encontren para ir xuntos a xogar, a facer deporte… que saiban moverse pola cidade” apunta a concelleira de Protección Cidadá quen subliña que “o éxito dos camiños escolares será cando os rapaces decidan por eles mesmos que itinerario seguen para ir ao colexio”.

Por outra banda nestes meses de setembro e outubro localizáronse todos os comercios, establecementos hostaleiros e negocios abertos en horario escolar -moitos deles colaboradores dos camiños escolares- e falouse con eles para profundar no seu papel colaborador, de “acompañante” dos nenos e nenas na súas idas e voltas dos colexios que saiban que poden recorrer a eles en caso de apuro. Estes establecementos disporán dunha pegatina identificadora de amigo dos nenos.

Ademais nas semanas vindeiras responsábeis da Concellería de Protección Cidadá e da Policía Local reuniranse coas asociacións veciñais de Pontevedra co fin de exporlles o proxecto “Pontevedra os acompaña” e pedirlles que se sumen a iniciativa de facer da cidade un espazo seguro e amábel para uns cativos que teñen que formarse como persoas autónomas e respectuosas coa colectividade.

cartel-camin%cc%83os