Nenos e nenas, docentes, veciños e veciñas do barrio van da man na celebración do X aniversario da Escola Pública de Monte Porreiro, unha celebración na que participa dun xeito activo o Concello de Pontevedra. Hai unha década que a reordenación dos centros educativos de Infantil e Primaria deron lugar ao nacemento da EEI Fina Casalderrey e o CEP Marcos da Portela como un continuo educativo, deixando atrás a escola Os Campos, o colexio Paio Gómez Charino e a liña infantil do entón CEIP Marcos da Portela.
A reivindicación do ensino público e a loita dun barrio pola cualidade educativa está detrás da celebración. A denuncia dos pais e nais, profesores e a veciñanza do mal estado dos centros escolares do barrio e mais a esixencia dunha educación pública e de calidade merece o recoñecemento do traballo feito. A implicación de todxs fixo posíbel dotar a Monte Porreiro dunha oferta educativa axeitada e con futuro, un paso máis na construción da identidade dun barrio que hoxe é modelo de convivencia.
Lonas conmemorativas nos centros escolares da zona, actuacións musicais, presentación dunha curtametraxe e o recoñecemento público a persoas que tiveron un papel destacado na fusión educativa conforman a programación do evento, presentada polos concelleiros de Educación, Carmen Fouces e o delegado do barrio, Luís Bará no miradoiro de Monte Porreiro. Xunto a eles representantes da comunidade educativa e veciñais.
Promoven a programación as seguintes entidades: Concello de Pontevedra, CEP Marcos da Portela, EEI Fina Casalderrey, ANPA O Miradoiro (CEP Marcos da Portela), ANPA Os Campos (EEI Fina Casalderrey) e Asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro.
O miradoiro de Monte Porreiro foi o escenario elixido hoxe para dar a coñecer a programación deste décimo aniversario:
Magosto do barrio: celebrando a escola pública, sábado 5 de novembro na Praza de Europa
Colocación de lona do X aniversario nas fachadas dos centros
Actuacións do grupo Migallas nos dous centros escolares
- EEI Fina Casalderrey: venres 18 de novembro
- CEP Marcos da Portela: venres 25 de novembro
Presentación da curtametraxe de Fina Casalderrey
- CEP Marcos da Portela: xoves 17 de novembro
-
EEI Fina Casalderrey: mércores 30 de novembro
Acto de recoñecemento e homenaxe na casa de Cultura a persoas que loitaron pola educación pública e de calidade, o xoves 1 de decembro ás 19.00 horas.