En marcha o proxecto para habilitar un estacionamento de autocaravanas

76

    • Comezaron os traballos de desbroce na parcela de Tafisa, e nos vindeiros días continuará co rasanteo

Están en marcha as obras para a creación do parque de autocaravanas na parcela municipal de Tafisa. Os traballos comezaron onte co roza de toda a parcela (hoxe van máis lentos pola chuvia) e nos vindeiros días rematará para continuar co rasanteo de toda a parcela e acondicionarase para votarlle un firme de asfalto.

A obra está sendo executada pola empresa Covsa que foi a gañadora do concurso público cunha oferta económica de 188.440 euros (a licitación era de 209.385,39 euros), e ten que facer dous pasos elevados nas entrada e saída ao novo estacionamento.

O estacionamento de autocaravanas disporá de 20 prazas con dúas de servizos con auga potábel e saneamento. A superficie para esta función é de 1.052 metros cadrados.

Ademais, acondicionarase unha superficie de 1.870 metros cadrados para estacionamento de balde en superficie, na que se poderán crear arredor de 66 prazas de aparcamento.

A Concellaría de Promoción Económica ten detectado un avance importante neste tipo de turismo na cidade, de aí a necesidade de ofertarlle instalacións acaídas próximas ao centro urbano.