Flores para as vítimas da represión

43

    • Conferencias, mesas redondas, encontros e homenaxes, actividades principais para novembro, mes da Memoria histórica, cando se cumpren 80 anos do inicio do terror fascista

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, realizou esta mañá unha ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista da Avenida de Buenos Aires con motivo da presentación dos actos do mes da memoria histórica, que se desenvolverán durante todo novembro.

Neste mes terán lugar dúas homenaxes ás vítimas da represión e ás súas familias. A primeira será o sábado 12, ás 19.00 horas, diante do monumento ás vítimas do 12 de novembro, sito na rúa que leva o mesmo nome. Nel participarán autoridades políticas e tamén intervirán familiares de persoas que sufriron a represión. Por outra banda, o mércores 30, o Teatro Principal acollerá, a partir das 20.00 horas, o acto institucional de homenaxe ás vítimas silenciadas, que nesta ocasión se centra na Pontevedra obreira e agrarista.

No 2016 cúmpense 80 anos do inicio do terror fascista e o Concello de Pontevedra quere poñer de relevo os nomes e o papel das vítimas silenciadas e esquecidas, xente traballadora e obreira que sufríu a represión nas parroquias e nos barrios de Pontevedra. “Non é so un exercicio de memoria, de historia ou de lembranza, senón que é a celebración de ideais e valores que son necesarios para a sociedade de hoxe porque falan de dereitos, liberdades e de cuestións que hoxe están en discusión e que temos que seguir reivindicando”, indicaba Luís Bará, que lembrou que “a mellor maneira de homenaxear ás vítimas e loitar polos ideais que eles defenderon e polos que morreron”.

Conferencias

Novembro, mes da memoria histórica tamén contempla unha conferencia de Montse Fajardo sobre ‘A represión das mulleres despois do golpe do 36’. (martes 8, 20.00 horas, Casa das Campás); a proxección do documental ‘Las víctimas sin llanto’ (martes 15, 20.00 horas, Casa das Campás), no que participarán as autoras do mesmo: Sara Gallardo e Vanesa Peroni; e unha mesa redonda sobre ‘As que quedaron’, na que falarán representantes de familias represaliadas (martes 22, 20.00 horas, Casa das Campás).

Exposición ‘Do gris ao violeta’

A exposición ‘Do gris ao violeta’ continúa a súa andaina polo concello de Pontevedra e dende o luns 7 ata o día 21 poderá visitarse na Facultade de Ciencias da Educación. A mostra completarase cunha conferencia sobre a represión que sufriron as mulleres, que terá lugar o 28 de novembro ás 19.00 horas.

Entre o martes 22 e o venres 2 de decembro, a exposición estará na Casa Verde de Salcedo, onde tamén haberá un ‘Encontro coa memoria’ no que se falará sobre mulleres represaliadas, resistentes e solidarias desta parroquia. Será o martes 29 de novembro ás 20.00 horas.

O Centro Social Sur acollerá esta mostra entre o sábado 3 e o venres 16 de decembro.