Deseño do núcleo de centralidade de Cerponzóns, a veciñanza opina

103

A veciñanza define un plan de necesidades e avalía o programa de reformas na contorna do centro social de Cerponzóns proposto polo Concello de Pontevedra para facer da zona, na que tamén hai un parque infantil, o núcleo de centralidade da parroquia.

Converter a contorna do Centro Social de Cerponzóns nun espazo de convivencia pon enriba da mesa cuestións como o calmado de tráfico, o acoutamento dun área de aparcamento, melloras na área de xogos infantil e nas rúas perimetrais ou a instalación de equipamentos, cuestións todas elas nas que a opinión dos veciños e veciñas conta.

A concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña e o coordinador do Rural, Demetrio Gómez, trataron deste proxecto transformador co Consello parroquial de Cerponzóns. Un proxecto aberto a suxestións e cuxo proxecto, unha vez definido na súa totalidade, será presentado á veciñanza.

Non foi o único tema tratado na reunión, os concelleiros levaron ao Consello parroquial o material que formará parte da exposición permanente sobre a historia e a xente do lugar que estará no centro social e que o identificará como o espazo comunitario que é. As fotorgrafías e documentación base da mostra. Co material presentado os veciños e veciñas farán as aportacións que consideren convinte. As previsións son que a exposición permanente sexa realidade antes de que remate o ano.

Por outra banda informóuselles do estado da tramitación do proxecto de construción dun campo de fútbol de herba sintética que xa está en Contratación.