Investigamos os beneficios da composta na rexeneración de solos degradados

68

O Concello pon os terreos -na Canicouva, ao carón da futura planta de compostaxe de Pontevedra-;a Deputación Provincial, os cartos -230.000 euros en tres anualidades- e a Universidade de Vigo, o talento investigador e o coñecemento. Son os tres piares do convenio de colaboración asinado hoxe polo alcalde MIguel Anxo Fernández Lores, a presidenta provincial Carmela Silva e o reitor Salustiano Mato e que ten como fin investigar os beneficios da composta e dos bioestabilizados na rexeneración dos solos galegos máis degradados como poden ser solos forestais queimados, zonas de canteiras ou noiros moi pedregosos.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que a aposta da Deputación e do Concello pola compostaxe e a investigación supón un “proxecto de país” que xera tanto actividade económica como formativa. “Estamos inmersos nun proxecto de vangarda e novidoso sobre o aproveitamento dos bioestabilizados do que non hai datos científicos nin sobre as características dos solos galegos e nin sobre os seus comportamentos con estes aportes”, dixo, polo que subliñou as sinerxias dos intereses das tres institucións implicadas no proxecto

“No século XXI, máis alá das vantaxes técnicas e das garantías ambientais, estes traballos en torno ao tratamento do lixo na provincia de Pontevedra obedecen a un cambio de cultura que debemos ir acelerando se queremos ter futuro neste planeta” dixo o reitor Salustiano Mato, quen avogou por que as administracións fagan “coma o orballo” ir mollando o imaxinario popular na concienciación sobre o medio ambiente.

Pola súa banda a presidenta da Deputación, Carmela Silva subiñou que o importante da sinatura “é o concepto que hai detrás deste convenio”, que non é outro que “un cambio de cultura en torno a como tratamos os residuos”. Subliñou a importancia de apostar pola compostaxe e pola concienciación ambiental. “Este plan supón un cambio de cultura no que as administracións teñen que estar comprometidas para cambiar hábitos na cidadanía. Temos que ser líderes dos cambios medio ambientais, xa é o papel fundamental que lles corresponde aos gobernos”.

convenio-canicouva