Bota a andar o programa Proinfancia para evitar a herdanza da pobreza de pais a fillos

78

    • Este programa atenderá a 50 familias do concello con nenos entre 0 e 18 anos buscando reconducir as súas vidas alonxadas da pobreza que xa viviron os seus pais

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá a constitución da Mesa institucional do programa Pro Infancia, lanzado dende a Fundación La Caixa e no que están implicados a Consellería de Sanidade, a Universidade de Santiago, Política social da Xunta de Galicia, Educación, e o Concello de Pontevedra. Todo o programa estará coordinado pola Fundación Meniños.

Pro Infancia é un programa estatal que no concello de Pontevedra permitirá atender a 50 familias con un plan de atención integral e específico a estas familias, fundamentalmente centrada na atención socioeducativa pero que ocupará tamén aspectos de axudas económicas, nalgúns casos, ocio… O obxectivo é acabar coa pobreza herdada, evitando que os cativos segan a mesma estela que os seus pais podendo saír desa situación social, reconducindo a súa vida.

As familias que formen parte deste programa deben ter nenos e nenas entre 0 e 18 anos, e recibirán esta atención durante todo o tempo que sexa preciso, cando menos, até os 18 anos. Para iso a Fundación La Caixa achega un importe de 55.000 euros anuais, e o Concello de Pontevedra achega todos os seus recursos persoais e técnicos.

Coa creación da Mesa institucional arranca o proceso de selección das familias que se escollerán nunha mesa técnica integrada por un ou varios representantes de todas as entidades que forman a mesa institucional, e que farán a selección das familias seguindo distintos criterios, entre eles, a posibilidade real de que deixen de ser usuarios de Servizos Sociais; o seguimento de cada caso e a avaliación do programa que correrá a cargo da Universidade de Santiago…

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Benestar Social, volcouse neste programa “ilusionante”, segundo a concelleira Carmen Fouces xa que o obxectivo final “é tratar de cortar o círculo da pobreza e a cronicidade que se dá nestas familias”.