O novo mercado

74

As Concellarías de Promoción Económica e de Mercados traballan conxuntamente nun novo proxecto para o Mercado de Abastos co que se pretende revitalizar tanto este edificio municipal (na actualidade infrautilizado) como o ámbito da Plaza que se atopa fóra dos ámbitos comerciais da cidade debido, sobre todo, polos cambios dos hábitos de consumo das sociedades.

As Concellarías parten de que o Mercado de Pontevedra goza dunha grande personalidade centrada na arquitectura do propio edificio e no excelente produto que ofrece. Un espazo querido polos pontevedreses e pontevedresas, que forma parte da historia sentimental da cidade e que é visitado por centos de turistas durante todo o ano. Un espazo vivo, que debe mudar cos tempos, pero tamén facer unha clara aposta por non perder os seus sinais de identidade.

Sempre foi o mercado o lugar de referencia para os e as amantes da calidade que buscan a excelencia do “noso”, do “cercano”. Con esta nova aposta preténdese complementar e actualizar esta filosofía, ademais de converter o noso mercado nun referente gastronómico baseado no produto da terra, nun espazo cultural e de estilo de vida saudable, que ten todo que ver cun modelo de cidade que busca unha vida sana e activa.

En definitiva, preténdese a recuperación da primeira planta do mercado, centrando na planta baixa toda a actividade propia do Mercado, e na primeira creando un espazo gastronómico sostible. Esto lograrase baixando a lonxa e os postos de froitas e verduras, e reordenando os espazos na parte alta onde se crearán almacéns, unha zona libre para o consumo dos produtos do mercado fronte á cristaleira do río; un espazo central polivalente; unha ludoteca; novos baños; e unhas consignas frigoríficas para deixar a compra mentras se visita a planta de arriba do Mercado.

Lévase a cabo esta actualización en dúas vertentes:

  • O  MERCADO. ESPAZO GASTRONÓMICO SOSTIBLE

O novo Espazo Gastronómico Sostible ubicarase no primeiro andar e centrará a súa actividade nunha oferta gastronómica variada, con venda de produtos elaborados e degustación in situ. A oferta basearase, principalmente, na produción local, na liña do artesanal, ecolóxico, gourmet e a granel: legumes, viños, licores, cervexas artesás, aceites, xeados, lácteos, galletas/doces, conservas, marmeladas, plantas aromáticasentre outras posibilidades.

Ademais haberá espazo para a cociña e produtos doutras partes do mundo, así como un posto efémero de intercambio gastronómico con outros países.

O mercado municipal, ademais, ten que converterse no referente absoluto para a cidadanía interesada nunha alimentación saudable. A intención é vincular o espazo á alfabetización en materia gastronómica e nutricional e no consumo responsable a través de diferentes iniciativas.

Será tamén lugar para o ocio e o esparcemento, que contará con propostas escénicas, musicais, artísticas, culturaiscombinando o lecer coa actividade comercial e de restauración.

A nova proposta revisa a ambientación do primeiro andar, que actualmente ten un carácter frío de mercado, para promover un lugar cálido, agradable, onde ademais de mercar tamén se poida degustar o produto, así como participar das diferentes actividades propostas. O ambiente inspirarase na calidade e calidez da materia prima, no seu carácter artesanal e ecolóxico. Utilizaranse materiais naturais da zona e todos os elementos terán un fío condutor: os produtos do mar.

Afondando nesta idea e como elemento de reclamo, cun peso conceptual e forza visual específica, incorporarase a Gamela como icona do conxunto, que vincula e amalgama todos os elementos. Unha gamela coroará a escalinata de acceso, que se ve desde a rúa, o vestíbulo e o espazo central. Neste último dispóñense outras dúas gamelas, unha delas ubicada sobre a tarima para eventos, enmarcándoa, e a outra sobre unha mesa especial. As gamelas, ao estar ubicadas entre a estrutura da cuberta, quedan suficientemente altas como para poder verse desde a zona de venda de peixe do mercado. Con isto acadamos unha conexión visual entre as gamelas e as dúas zonas de peixe, ubicadas nos puntos neurálxicos do mercado, creando un potente triángulo de conectividade. Estas gamelas instalaranse boca abaixo para provocar un forte impacto visual e potenciar o efecto sorpresa, ao tempo que permite coñecer a súa estrutura e morfoloxía.

O funcionamento deste novo espazo fará que os horarios do mercado e espazo gastronómico non sempre coincidan. Especialmente na tarde-noite e fins de semana convivirán un mercado na planta baixa sen actividade mentras que o espazo gastronómico do andar superior gozará de moita animación.

O mercado iluminarase de noite cun xogo de luces cara o interior da planta baixa para marcar, en todo momento, o espazo habitado: o característico mercado de Pontevedra, mantendo clara esta idea en todo momento.

En definitiva, un mercado cunha ubicación privilexiada que colle a esencia e a cultura das Rías Baixas para unha iniciativa que, sen dúbida, será unha referencia para as compras e o lecer na cidade. Un lugar para todo tipo de públicos, con especial atención para o familiar, xa que contará cun espazo infantil, sitios para os carriños dos bebés e cambiadores (nos aseos tanto das mulleres coma dos homes)

  • O MERCADO, creación do logotipo e imaxe corporativa.

O mercado é un todo, cuns valores únicos que o definen e para o que se fai necesaria unha nova imaxe tamén a nivel corporativo. Optamos por usarmos O MERCADO porque cremos que é un nome que identifica toda a cidadanía. É claro, concreto, directo e remite a este lugar sen confusión.

Tanto na planta baixa como no novo espazo gastronómico, que se ubicará no primeiro andar, incorporarase a nova imaxe en toda a sinalética, dándolle unidade ao edificio, complementando así a oferta dos dous andares.

A nova imaxe elaborouse coa intención de xuntar tradición e modernidade, e para iso aplicouse a tipografía “Isaac Sans”, creada en Pontevedra pola fundición “Mais Types”. Esta moderna tipografía remite, dalgún modo, á fonte tipográfica “Gallaecia”, deseñada por un dos persoeiros máis vinculados á cidade: Castelao.

En canto ás cores corporativas, a principal é o azul turquesa, cunha forte presenza na arquitectura do edificio e que recorda, de igual xeito que o resto da paleta cromática corporativa, ao mundo mariñeiro (boias, redes, cordas, cabos, nasas, gamelas, remos…).