Touroperadores de Hong Kong ven en Pontevedra un destino turístico de calidade

39

Un grupo de 38 touroperadores de Hong Kong visitaron hoxe Pontevedra con fin de familiarizarse coa cidade e avaliar as posibilidades de vendela como destino turístico de calidade. O alcalde Miguel Fernández Lores ofreceulles unha recepción oficial no Pazo de Mugartegui na que estiveron tamén o deputado Carlos Font, en representación da Deputación Provincial e o concelleiro de Turismo de Sanxeno, Suso Sueiro, en nome da Mancomunidade do Salnés. Fernández Lores desexou que este primeiro encontro fora o inicio dunha longa e proveitosa colaboración.

A recepción foi un alto nunha xornada na cidade que comezara pola mañá cunha visita guiada para coñecer o modelo urbano o seu patrimonio, rúas e prazas… e unha segunda visita guiada polo Camiño Portugués a Santiago.

Rematada a recepción oficial os touroperadores asiáticos participaron, no mesmo Pazo de Mugartegui, nun “workshop” con touroperadores, axencias de viaxe, hoteleiros e hostaleiros de Pontevedra e da provincia. A xornada de traballo tivo como colofón unha visita a Hifas da Terra, empresa de biotecnoloxía líder en investigación micolóxica.

É a segunda xornada da delegación de Hong Kong con nós. Onte estiveron coñecendo as Rías Baixas e visitaron Cambados, a bodega Pazo Baión en Vilanova e máis Sanxenxo, O Grove e Combarro (Poio). A idea dun destino turístico global Rías Baixas tamén está enriba da mesa.

A directora de Márketing e cofundadora da Asia Spain Asocciation Cultural Exchange de Hong Kong, Sally Lui, viaxou ao fronte da delegación de touroperadores que centrou o seu traballo en dos eidos fundamentais: o turismo e a gastronomía sen deixar de lado outras colaboracións que poidan xurdir.

A Asian Spain Association Cultural Exchange de Hong Kong promovera un encontro empresarial co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, cando no mes de novembro de hai un ano viaxara á cidade asiática a recoller o Euro-China á Mobilidade Urbana Intelixente (Euro China Stmart Mobility City Award) na categoría de Deseño Urbano / Planificación urbana.