1,5 millóns para obras no rural na recta final do ano

91

O Concello de Pontevedra inviste arredor de 1,5 millóns de euros en até 27 obras no rural que estarán rematadas co inverno. As actuacións previstas inclúen obras de saneamento, reformas e arranxos de estradas e vías secundarias, conexións de lugares e peonís ou de calmado de tráfico.

Son dez as parroquias beneficiarias destas obras: Campañó, Cerponzóns, Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio e A Canicouva.

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos foi informada hoxe dos proxectos en marcha, así como do estado das obras urbanas que se están executando e as previstas. Neste último caso acordouse convidar aos técnicos que deseñaron o proxecto de peonalización da ponte do Burgo á comisión co fin de informar sobre o mesmo e respostar as dúbidas que podan ter os representantes políticos.

O concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez, cualificaba este feixe de obras de “exemplo de participación e democracia”, xa que son actuacións consensuadas nos distintos consellos parroquiais coas asociacións e veciñanza de cada unha delas e subliñaba a “complexidade” da súa posta en marcha.

Primeiro, explicou o concelleiro, houbo que localizar e definir as necesidades de cada lugar, despois estudar a dispoñibilidade orzamentaria, a continuación os servizos técnicos municipais avaliaron a demanda, deseñaron o proxecto e fixeron a contratación e agora é o tempo do traballo das empresas.

O custe das obras previstas, en números redondos, vai dende os 30.000 aos 60.000 euros.

Demetrio Gómez puxo exemplos das distintas actuacións que se van a acometer. No caso do saneamento -“pechar a rede é unha prioridade para nós”- está a obra de Tilve (Cerponzóns) -Sabarís (Campañó). Se falamos de conexión de vías entre lugares esta a de Cabanas-Matalobos ou Vilar-O Rañadoiro e se o tema son os calmados de tráfico están previstas, entre outras, actuacións e O Pobo (Tomeza), Os Areais, A Carballeira (Salcedo), O Costado (Mourente) ou A Ría de Abaixo (Marcón). E exemplos de conexións peonís son a que unirá Salcedo-Tomeza- parque de Os Gafos ou o do camiño escolar A Fontaíña-Ponte Sampaio.

Obras:

  • Calmado de tráfico no Pobo
  • Saneamento en Sabarís
  •  Reforma interior de Changa
  • Camiño escolar na Fontaíña
  •  Calmado de tráfico no Carballeira
  •  Asfaltado no Cunchido
  •  Asfaltado en Pidre e A Fonteiriña
  • Asfaltado das Pombas
  • Saneamento en Tilve
  • Reforma e interior en Rorís e Lourizán
  • Conexión Cabanas-Matalobos
  • Calmado de tráfico na Ría de Abaixo
  • Asfaltados na Ruibal e A Torre
  •  Asfaltado interior en Matalobos
  • Asfaltado en Cachapal
  • Arranxo do firme no Vigario
  • Arranxo da estrada O Vilar- O Rañadoiro
  • Saneamento no Ramallás
  • Rehabilitación camiño na Amiúza
  • Conexión peonil Salcedo-Tomeza-Parque dos Gafos
  • Calmado de tráfico no Pobo
  • Calmado de tráfico na Carballeira (Salcedo)
  • Asfaltado na Barca
  • Asfaltado do Outeiro
  • Asfaltado das Chans
  • Arranxo da estrada Xustáns-Ponte Sampaio

mapa-das-actuacions-1