Campañó estrea o primeiro composteiro comunitario do rural

33

Dende hoxe está en marcha o primeiro composteiro comunitario do rural. Está no lugar de Cabaleiro, en Campañó, e está pensado para atender aos grandes produtores desta zona da parroquia, onde se sitúan varios restaurantes e tamén un hotel, ademais dun viveiro e o propio cemiterio. Está situado ao carón do parque infantil e da pista polideportiva de Cabaleiro.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acudiu á visita xunto coa tenente de alcalde e concelleira da xestión dos residuos, Carme da Silva, e a concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña, acompañados do técnico provincial Carlos Pérez xa que este composteiro comunitario ponse en marcha ao amparo do Plan Revitaliza de Deputación de Pontevedra.

Na visita estiveron en compañía de veciños do lugar así como dos responsables dos negocios (grandes produtores de residuos orgánicos) e do mestre composteiro que se encargará do tratamento deste compost. Estará cada día, de luns a vernes, a partir das 16.00 horas no composteiro para informar e resolver as dúbidas que poidan ter os veciños.

Ao igual que en Monte Porreiro, a Deputación instalou unha illa de composteiros (seis módulos) para realizar os distintos tratamentos do compost, ademais dun habitáculo de madeira para gardar o estruturante.

Cabe lembrar que debido á demanda dos veciños, o Concello solicitará á Deputación unha nova illa de composteiros comunitarios para o barrio de Monte Porreiro. Na actualidade están instalados 18 módulos na praza de Europa, e as rúas Italia e Alemaña. O seguinte estará na rúa Grecia.

Composteiro no campus

composteiro-campus-3Logo da visita a Campañó, a concelleira Carme da Silva trasladouse ao campus universitario onde mantivo unha reunión co vicerreitor do campus, José Manuel Corbacho, á que tamén se sumou o técnico de residuos da Deputación, Carlos Pérez para buscar a mellor situación para o composteiro comunitario que tamén se instalará no campus. Este composteiro tamén se incluirá dentro do programa Revitaliza da Deputación provincial.

Xunto con técnicos universitarios expertos na xestión do medio e responsables das concexionarias de comedor do campus, acordaron a instalación dun composteiro de 10 módulos -en principio- nunha zona verde entre as facultades de Ciencias Sociais e de Fisioterapia. E nos vindeiros días, haberá contactos entre os técnicos municipais e os da Universidade para facer as medicións pertinentes para a instalación da base.

Está previsto que a Universidade faga a achega necesaria do estruturante procedente das podas das árbores do campus, e que empregue o compost para os xardíns universitarios.

O composteiro comunitario universitario encaixa perfectamente no proxecto de excelencia de campus verde que ten en marcha a Universidade de Vigo en Pontevedra, tal e como se encargou de recordar o vicerreitor José Manuel Corbacho. Ademais, a Escola de Forestais está a realizar distintos estudos sobre o compost e será o departamento de Edafoloxía da mesma escola a encargada de facer os estudos sobre o emprego do compost para a recuperación de solos, ratificado na sinatura do convenio entre o Concello, a Deputación e a Universidade de Vigo.

Reunión en Campolongo

Os encontros que está a manter o Concello coas diferentes entidades, colectivos, institucións para a posta en marcha dos composteiros comunitarios, continúa mañá pola tarde cando a concelleira Carme da Silva manterá un encontro cos representantes da asociación de veciños de Campolongo para buscar o lugar máis idóneo para a instalación do primeiro composteiro comunitario na zona urbana da cidade: no barrio de Campolongo. O punto de encontro cos veciños é o local da Federación de veciños Castelao.

A compostaxe é proceso biolóxico aeróbico no que se mezclan os restos de comida e vexetais do lixo (que supón máis do 40% do lixo que xera cada domicilio) cun estruturante ou parte seca que provén de podas de materia leñosa. Os veciños só teñen que depositar o seus residuos orgánicos no primeiro módulo do composteiro e aportar un pouco de estruturante. Despois serán os mestres e mestras composteiros os que se encarguen de controlar que todo o proceso se faga correctamente realizando medicións de temperatura, os volteos necesarios para osixenar a mistura e corrixir os posibles problemas que se presenten.

En canto ás instalacións de compostaxe, os composteiros comunitarios están formados, como mínimo, por tres módulos de un metro cúbico que darán servizo a unhas 60 persoas e como máximo de doce módulos para uns 300 veciños. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes o resultado pásase ao terceiro módulo. Pasados uns 90 días xa se obtén o compost