Campolongo inicia o camiño coa instalación de dous composteiros

38

Os concelleiros de Medio Ambiente, Carme da Silva e delegado do barrio, Alberto Oubiña reuníronse con directivos da Asociación de veciños de Campolongo co fin de avanzar no proceso de despregue de composteiros comunitarios en Campolongo que comezará a curto prazo coa instalación dos dous primeiros. A reunión asistiron tamén o técnico de residuos da Deputación Provincial, Carlos Pérez e unha mestra composteira.

O encontro tivo unha primeira fase na sede da Federación veciñal Castelao na que se falou de como levar adiante a aposta da veciñanza por sumarse ao novo sistema de recollida e tratamento de lixo que promove o Concello e das ubicacións idóneas para instalar os equipamentos. Nunha segunda fase percorreron o barrio para avaliar in situ os lugares.

Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, os dous primeiros composteiros comunitarios que terá Campolongo colocaranse un deles arredor da igrexa e un segundo na zona da rúa Iglesias Vilarelle próxima ao paseo descuberto do Gafos. No primeiro caso será de uso mixto: para grandes produtores (como restaurantes ou establecementos hostaleiros ou comerciais) e máis veciños mentres que o segundo será para uso da veciñanza.

Previa a instalación dos composteiros farase unha campaña informativa coma a realizada en Monte Porreiro onde hai tres composteiros en funcionamento e vaise a instalar un cuarto. O estudo de necesidades do barrio de Campolongo fixa en 34 o número de composteiros precisos.

Os dous primeiros chegan a Campolongo da man do Plan Revitaliza da Deputación, baixo cuxo paraugas adquiríronse os tres equipamentos instalados en Monte Porreiro e o de Campañó.

A compostaxe é proceso biolóxico aeróbico no que se mezclan os restos de comida e vexetais do lixo (que supón máis do 40% do lixo que xera cada domicilio) cun estruturante ou parte seca que provén de podas de materia leñosa. Os veciños só teñen que depositaro seus residuos orgánicos no primeiro módulo do composteiro e aportar un pouco de estruturante. Despois serán os mestres e mestras composteiros os que se encarguen de controlar que todo o proceso se faga correctamente realizando medicións de temperatura, os volteos necesarios para osixenar a mistura e corrixir os posibles problemas que se presenten.

En canto ás instalacións de compostaxe, os composteiros comunitarios están formados, como mínimo, por tres módulos de un metro cúbico que darán servizo a unhas 60 persoas e como máximo de doce módulos para uns 300 veciños. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes o resultado pásase ao terceiro módulo. Pasados uns 90 días xa se obtén o compost